A Coruña organiza o I Foro “Pensando na Educación”

Coa participación de Federico Mayor Zaragoza, Vázquez Taín e Fernández de la Vega

A Coruña | O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, presentou este mediodía o primeiro Foro de Educación “Pensando en Educación”, que reunirá até novembro no Paraninfo da Universidade da Coruña a cinco referentes no ámbito do coñecemento. O edil agradeceulle ao reitor, Julio Abalde, a colaboración da Universidade nunha iniciativa do Concello, que permitirá abrir unha ventá ao máis sagrado da sociedade que é a educación, “a chave para solucionar os grandes problemas do noso tempo”. Celemín sinalou que as cinco citas “farán despuntar as diferentes ópticas de persoas que, ao longo da súa dilatada traxectoria, demostraron ser referentes”.

Pola súa parte, Abalde recordou que a primeira sesión terá lugar o 16 de marzo, ás 19.30 horas, da man do secretario do Estado de Educación, Alejandro Tiana, que afondará sobre os “Retos actuais da Educación” e que se poderá seguir en streaming desde esta ligazón. Ademais, poderanse retirar invitacións a partir de mañá, a través da web do Concello.

O reitor destacou que o foro será unha oportunidade para coñecer de primeira man todo o que se está movendo neste eido e convidou a participar con preguntas e suxestións. A segunda conferenciante será Amelia Valcárcel, conselleira electiva de Estado e vicepresidenta do Real Padroado do Museo do Prado, que estará o 27 de abril para abordar “A civilización feminista”.

Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz, profundará o 18 de maio sobre a “Educación para ser libres e responsables” e o xuíz José Antonio Vázquez Taín falará o 5 de outubro da educación emocional. Por último, a presidenta do Consello do Estado e da Fundación Mulleres por África, María Teresa Fernández de la Vega, clausurará o 26 de novembro o programa con “Educación: Onde comeza todo”.