A Coruña celebra a I edición de Noites do Porto

Con concertos os días 29, 30 e 31 de outubro

A Coruña | O bordo litoral da Coruña acollerá na última fin de semana de outubro unha nova cita musical, Noites do Porto. Un line-up de luxo, conformado por Xoel López, Ángel Stanich, Bad Gyal, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba e Califato ¾ nesta primeira edición, será o responsable de dar vida a esta orixinal e atractiva proposta, que se celebrará no singular espazo do peirao de Batería, con vistas ao mar, nas noites dos días 29, 30 e 21 de outubro. As entradas, que saen hoxe á venda, pódense adquirir a través da páxina web oficial do evento, www.noitesdoporto.com.

Noites do Porto propón tres xornadas de experiencias musicais únicas, con cinco bandas e artistas de primeira liña da escena estatal, que actuarán á beira do mar, nun espazo simbólico como é o porto coruñés, e que Noites do Porto recupera e integra nunha proposta cultural de excelencia.

Os concertos, que serán todos ao aire libre e nos que o público poderá gozar dos directos de pé, contarán cunha montaxe integrada na contorna, coa intención de poñer en valor o patrimonio coruñés e que este sexa o cabeza de cartel do evento.

A primeira xornada de Noites do Porto dará comezo o venres 29 de outubro da man de dúas bandas andaluzas imprescindibles do panorama musical: Califato ¾, un dos conxuntos revelación deste 2021 grazas ao seu impresionante álbum LA CONTRAÇEÑA, no que caben desde zambras western até acid house de corte jondo pasando por un regge flamencófilo; e Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, que regresa á cidade para presentar o seu segundo traballo Hilo negro, un LP que é a consolidación dunha banda de barrio que creceu exponencialmente nestes tres anos espallando por festivais e escenarios de todo o país o seu rock e a súa kinkidelia.

Na noite do venres 30 será a quenda dun dos valores en alza da escena musical internacional: Bad Gyal. A cantante, presentes nalgúns dos temas máis coñecidos do momento, como Fiebre, Alocao, Blin blin ou Zorra, suma discos de ouro, platino e, co seu último traballo, o EP Warm UP, supera os 70 millóns de reproducións nas principais plataformas dixitais.

Finalmente, o broche dourado desta primeira edición de Noites do Porto chegará da man do xenuíno e inclasificable Ángel Stanich, quen presentará na Coruña o seu novo EP, Polvo de Battiato (que se publicará o vindeiro 22 de outubro e do que xa coñecemos o primeiro avance, Rey idiota); e do artista local máis relevante da escena independente estatal e, sen dúbida, dun dos máis solventes e representativos da iberoamericana: Xoel López.

O coruñés pechará oo ciclo na noite do domingo 31 coa presentación do seu último traballo, Si mi rayo te alcanzara (2020), que inclúe temas esenciais como Tigre de Bengala ou La espina de la flor en tu costado.

As entradas de Noites do Porto saen hoxe mesmo á venda, a través da páxina web oficial do evento, www.noitesdoporto.com, na que o público poderá coñecer os detalles dos horarios e programación desta primeira edición.

A apertura de portas, todos os días, será ás 19.30 horas, e o prezo das entradas por xornada será de 25 euros no caso da xornada do venres 29 (Derby Motoreta’s Burrito Kachimba e Califato ¾), e de 35 euros tanto para o sábado 30 (Bad Gyal) como para os concertos do domingo 31 (Xoel López e Ángel Stanich).

Noites do Porto: un evento de proxección internacional
O ciclo Noites do Porto, presentado esta mañá no Palexco da Coruña, agroma como un proxecto de cidade, con vocación de continuidade e coa mirada posta na súa proxección estatal e internacional. A aposta pola recuperación do patrimonio local e integración do peirao de Batería na cidade a través da cultura é unha das claves máis salientables dun evento que, á vez, que ofrece unha proposta única para o público, promove a reactivación e dinamización do sector dos grandes eventos ao vivo durante o outono, ademais de poñer o foco no centro mesmo da cidade para proxectala cara ao exterior da man de artistas de referencia.

A iniciativa, impulsada por MASGALICIA, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), do Concello da Coruña, do Porto da Coruña, de Estrella Galicia e de Radio Coruña.

Representantes das institucións, como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey ou o director de Agadic, Jacobo Sutil; e de emprsas colaboradoras, como o delegado de Estrella Galicia na Coruña, Antonio Roca, e o responsable de patrocinios musicais da marca, Juan Martínez Incháustegui, acompañaron esta mañá ao equipo de Noites do Porto na presentación pública do cartel desta primeira edición do evento.