A Coruña acolle a exposición “Os mapas e a primeira volta ao mundo. A expedición de Magallanes e Elcano”

Do Instituto Xeográfico Nacional, en colaboración co Concello da Coruña

A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou xunto co delegado do Goberno, Javier Losada, a exposición que ofrece o Instituto Xeográfico Nacional na sala de exposicións de Durán Loriga, que busca revivir, cun percorrido cartográfico, os aspectos máis interesantes e salientables da primeira circunnavegación do mundo levada a cabo polo portugués emigrado a España Fernando de Magallanes e comandada de volta por Juán Sebastián Elcano.

Inés Rey destacou o labor do Instituto Xeográfico Nacional por lles ofrecer aos coruñeses e coruñesas este material dun feito histórico tan importante, que tamén se pode desfrutar dende a casa grazas á visita virtual que percorre a exposición.

A mostra ofrece un percorrido, a través dos mapas, centrándose nos puntos máis interesantes da viaxe: os antecedentes, preparativos, protagonistas principais, as rutas de navegación e incluso as consecuencias que tivo este feito histórico, que permitiu demostrar de maneira definitiva a “redondez do mundo”, dito en palabras do propio Elcano nunha carta ao emperador Carlos V.

Entre as pezas que se exhiben cómpre destacar os mapas orixinais, vistas das cidades da época e reproducións de cartas náuticas ou documentos históricos que permiten crear unha imaxe máis global sobre o percorrido. Faise tamén unha mención especial á Casa da Contratación da Especiaría da Coruña, creada no 1522 co retorno de Elcano.

Dende a web do Instituto Xeográfico Nacional propoñen como alternativa unha visita virtual da exposición, que permite percorrer todos os aspectos relevantes que deixou a viaxe con información sobre cada uns dos obxectos postos en exposición.