A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán conmemora o centenario do pasamento da autora

Este mércores 12 de maio, organizado pola Real Academia Galega

A Coruña | Este mércores, 12 de maio, conmemórase o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán, unha efeméride que marca o comezo dunha programación organizada pola Real Academia Galega e a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán que se estenderá durante todo o ano.

A actividade central, a celebración do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, terá lugar a finais de outubro, cadrando coa chegada á Coruña da exposición Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad, na que a RAG participa achegando case un terzo das pezas. Pero a institución que preserva boa parte do legado da escritora tamén a recordará no día do seu cabodano cunha lectura colectiva da súa obra na que especialistas na súa figura e literatura ou docentes compartirán protagonismo cun grupo de nenos e nenas do CEIP Emilia Pardo Bazán. O acto poderá seguirse en directo dende a canle de Youtube da RAG.

A homenaxe dará comezo ás 11:00 horas no salón de actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) e concluirá coa entrega dos premios do I Certame de relato breve A Erbeda, organizado pola asociación de veciños “Os nosos lares” de Palavea e que conta coa colaboración da Academia. O concurso recupera o topónimo literario que Pardo Bazán lle deu a este barrio coruñés e réndelle tamén homenaxe á autora, que dominou con mestría a arte dos contos curtos.

“A homenaxe dará comezo ás 11:00 horas no salón de actos da Real Academia Galega (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) e concluirá coa entrega dos premios do I Certame de relato breve A Erbeda, organizado pola asociación de veciños “Os nosos lares” de Palavea e que conta coa colaboración da Academia”

A lectura colectiva incluirá fragmentos de relatos como El encaje roto, novelas como Memorias de un solterón e La tribuna, de artigos ou de correspondencia que a autora lle enviou a Benito Pérez Galdós. A escolma pretende amosar a variedade de rexistros que Emilia Pardo Bazán cultivou ao longo da súa vida como creadora literaria e como intelectual crítica coa realidade social do seu tempo.

O acto comezará cunha lectura a cargo do presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes e o concelleiro José Manuel Lage Tuñas en representación do Concello da Coruña, institución coa que a RAG está a coorganizar o ciclo As mulleres, cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo.

Tamén participarán a académica Marilar Aleixandre, a conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso, o editor Eduardo Riestra, a profesora da Universidade da Coruña especialista en estudos de xénero Antía Pérez Caramés, a profesora do IES Otero Pedrayo Begoña Valdés Rodríguez e membros de Guías de Galicia.

Outros artigos