A Casa do Reloxo de Baiona terá un novo edificio para o emprendemento

Así o anunciaron o alcalde Carlos Gómez e o presidente do PSdeG-PSOE provincial David Regades

Baiona/PSdeG-PSOE | O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e o delegado da Zona Franca de Vigo e secretario xeral provincial do PSdeG de Pontevedra, David Regades, anunciaron un concurso para a ampliación do espazo de emprendemento da Casa do Reloxo, cun novo edificio que permitirá incrementar as instalacións dedicadas ao emprendemento e novos proxectos empresariais na vila.

David Regades explicou que “ante o éxito do espazo que Zona Franca para o emprendemento en Baiona e as constantes peticións de máis espazo, o alcalde fixo esta demanda, para seguir apostando pola creación de novas empresas. E ímolo facer xuntos. Baiona terá un edificio máis para albergar novos proxectos e iniciativas empresariais innovadoras pola sensibilidade do seu rexedor coa ampliación do tecido empresarial e a xeración de emprego”. David Regades precisou que “faremos un concurso para que se presenten propostas á Zona Franca e se elixirá o que mellor se adapte ás necesidades das persoas emprendedoras”.

Carlos Gómez salientou que “a capacidade de innovación en Baiona é sorprendente e, dende que está en marcha a Casa do Reloxo, moitas persoas emprendedoras se teñen achegado ao Concello para solicitar espazo. Así que lle trasladei esta demanda ao delegado de Zona Franca, que non dubidou en plantexar ampliar a iniciativa, para que as empresas e persoas emprendedoras de Baiona podan seguir medrando”.

Carlos Gómez e David Regades anunciaron tamén unha liña de financiamiento para apoiar á hostalería, restauración e ao sector servizos en xeral. Este apoio concretarase na apertura dunha liña de financiamento a través da sociedade de capital risco da Zona Franca, Vigo Activo, para a reforma de locais e terrazas.