A Cañiza recuperará o entorno da antiga Ponte das Achas

Grazas a un convenio de 411.015,58€ coa Deputación de Pontevedra

A Cañiza | Este xoves 28 de abril, o pleno do Concello da Cañiza aprobará o Convenio de Colaboración coa Deputación Provincial para a “Execución do Proxecto de Recuperación do Entorno da Antiga Ponte das Achas” por un importe de 411.015,58€

UNHA OBRA PROMOVIDA E IMPULSADA POLO ALCALDE LUIS PIÑA ANTE A ADMINISTRACIÓN QUE PRESIDE CARMELA SILVA E QUE CONTEMPLA UNHA ACTUACIÓN MÁIS AMBICIOSA E INTEGRAL DA QUE INICIALMENTE SE SOLICITABA.

UN PROXECTO QUE DA RESPOSTA AO COMPROMISO ADQUIRIDO COS VECIÑOS DA CAÑIZA DE RECUPERAR NON SO UN ELEMENTO DA NOSO PATRIMONIO ARQUITECTÓNICO CIVIL, SENON TAMÉN UN LUGAR SENLLEIRO NA MEMORIA HISTÓRICA DA CAÑIZA.

No Pleno Extraordinario deste 28 de abril aprobarase o Convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a execución deste proxecto por un importe de 411.015,58€, dos que están subvencionados polo organismo provincial o 70%, un total de 287.710,91 €. O Concello asume con fondos propios o 30% restante: 123.304,67€ distribuídos en dúas anualidades.

A sinatura deste convenio converte en realidade a xestión realizada polo Alcalde ante a Deputación que preside Carmela Silva, coa redacción e execución dun proxecto moito máis ambicioso e integral do que se solicitaba inicialmente. Ademáis da recuperación da ponte románica de Achas, a Deputación recuperará a súa contorna, un total de 560 metros que coincide con todo o tramo vello da estrada provincial EP-5002.

A execución deste proxecto dará resposta a unha reivindicación das veciñas e veciños das Achas e da Cañiza que leva enriba da mesa máis de 30 anos. Por iso Luis Piña agradece á Deputación e a súa Presidenta  o apoio a esta actuación.

Por outra banda o Alcalde afirmou que antes de poder asinar este Convenio ,que se aprobará no Pleno de mañá, era necesario ter a disposición do Concello os terreos afectados pola obra de recuperación. Un pequeno tramo lindante co vial da EP5002 que grazas á cooperación dos veciños conseguiuse ceder en menos de 15 días.

Luis Piña salientou a colaboración destes veciños e agradeceu a implicación de todos eles con este proxecto ao asinar e ceder gratuitamente as parcelas. Un  xesto que posibilitará que a obra se axilice.

A sinatura deste convenio permitirá desenvolver unha actuación integral en todo o tramo antiguo da Ponte de Achas e a súa contorna.

O proxecto elaborado pola Deputación para o acondicionamento dos 560 metros entre os núcleos das Achas e a Ponte, prevé unha actuación integral para a mellora da seguridade viaria entre estes dous núcleos, recuperando ademais os valores patrimoniais da ponte das Achas, substituindo o firme de asfalto actual por pavimento de lastra de granito e as actuais varandas metálicas por un peitoril de pedra de 110 centímetros de altura.

Ademáis e segundo se recolle no Convenio, no núcleo das Achas proxéctase unha zona de convivencia de tráfico rodado e peonil mediante unha plataforma elevada de formigón de cor gris escura, previo saneo do pavimento existente.

O embelecemento da zona consistirá tamén na pavimentación con lastras graníticas dos sobreanchos da estrada. No contacto dos novos pavimentos coas vivendas disporase unha cenefa con lousas graníticas rectangulares. Ademais, enlazando coa plataforma elevada de preferencia peonil proxéctase unha senda ao longo da marxe dereita de 2,50 metros de ancho medio.

Ata a zona da depuradora disporase unha cuneta de formigón practicable entre a senda e a calzada, que funcionará tamén como rega para as parcelas lindeiras. A drenaxe solucionarase en ámbolos dous treitos da senda cunha canalización soterrada de PVC de 400 mm de diámetro.

O proxecto, que inclúe tamén a aplicación dunha nova capa asfáltica, prevé que a circulación do tráfico rodado no acceso ao núcleo da Ponte quede restrinxido ao sentido de Oeste a Este.

Con este fin ampliarase a zona verde existente na intersección e disporase unha sebe vexetal de buxos no linde coa senda.

Tamén se contempla o alumeado da senda con novas luminarias led sobre columnas de 9 metros. Ademais se soterrarán as liñas de enerxía eléctrica e telefonía. A obra complétase coa disposición ao longo da actuación de banco de granito e asento de pedra.