
A Caniza | O Auditorio Municipal da Casa da Cultura de A Caniza acollerá o vindeiro sábado 12 de setembro, a partir das 20:30 horas, o I Certame de Moda para Deseñadores Noveis Jose Castro. Unha cita que transcende a pasarela convencional para converterse nun espectáculo interdisciplinar que porá en valor as propostas das xoves deseñadoras finalistas en concurso.
O evento, organizado pola Asociación Cultural e Artística Jose Castro, rende así tributo á traxectoria do añorado creador canicense. José Castro consolidouse na elite internacional da moda na primeira década dos 2000, chegando a ser o terceiro deseñador de orixe española en ingresar na exclusiva Federación Francesa da Alta Costura de París, un fito histórico que compartiu no seu momento con Cristóbal Balenciaga e Paco Rabanne como predecesores. Recoñecido talento xa desde os seus inicios, foi premiado como o mellor alumno da súa promoción no prestixioso Royal College of Art de Londres co RCA Society Prize for Innovation, Creativity and Presentacion.
Ao longo da súa carreira, o seu impecable e rompedor manexo do volume, texturas e contrastes levouno a vestir a celebridades da talla de Sarah Jessica Parker, Lady Gaga ou Dita Von Teese. Do mesmo xeito, inmortalizou a súa pegada cromática tamén mediante a creación da célebre cor fetiche “Rosa Castro”, adicada á súa nai. Con este primeiro certame na súa vila natal, a asociación sen ánimo de lucro ACA Jose Castro cumpre o desexo do modisto, que compartiu coa súa familia, fundándoa para impulsar ás novas xeracións da costura.
A gala do 12 de setembro é un proxecto coral que une a creadores locais e do CondadoParadanta, con perfís urbanitas felizmente enraizados nese rural próximo e nativos das Neves e Mos, xunto a quen viaxan desde Vigo reconectándose na natureza durante as incursións da fase de preprodución. Paisaxes sempre presentes para Jose Castro alá onde estivese: inspiración para as súas coleccións… Un soño feito realidade grazas a un xeneroso esforzo colectivo motivado fundamentalmente polo Amor á Arte de Jose Castro, e ao seu legado. Ecosistema fiado por Ani Boado na dirección creativa, traballando en imperfecta consonancia coa artista multidisciplinar Mónica Flyn na produción e escenografía.
Ao mesmo nivel de sinerxía, o músico e artista visual Adrián Riveiro desenvolve a súa proposta persoal e únese á videográfica de Alba Casas; sumándose ao engranaxe o tamén músico ademais de sonidista e produtor, e grafista para esta ocasión, Javier Vicalo, e a particular ollada da fotógrafa Cristina Soalheiro retratando todo o que aconteza ese día sobre o escenario, e detrás del entre bambolinas, ata ben entrada a noite.
Unha simbiose onde autores e disciplinas se cohesionan, entrelazando achegas sen barreiras limitadoras para o ben común do show; unha entrega de máis de 60 persoas traballando ao unísono por unha causa memorable. Fiel á coñecida paixón de José Castro polo cine de suspense, neste guión decidiuse manter a intriga tamén sobre os invitados especiais… reservando o factor sorpresa para o público asistente.
A pasarela representa o broche de ouro dun proceso que arrincou en maio coa apertura da convocatoria do concurso para deseñadores de moda noveis. Tras a recepción de proxectos, en xullo un comité seleccionou ás 10 finalistas. A esperada resolución culminará en directo sobre as táboas tras o desfile da colección de cada autora, coa deliberación e proclamación da gañadora desta edición inaugural.
A avaliación final correrá a cargo dun xurado de profesionais vinculadas á traxectoria vital, formativa e profesional de José Castro: Rosa Rodríguez Oliveira, nai de Jose Castro e presidenta da Asociación Cultural e Artística Jose Castro; Gloria Rodríguez-Figueroa, deseñadora, compañeira de estudos e amiga íntima de toda a vida de Jose; Mar Ciorraga Souto, empresaria téxtil e directora de Goymar-Vigo (Escola Superior de Deseño e Moda de Vigo), centro onde Jose Castro iniciou a súa formación profesional; Belén Correa Corredoira, CEO e fundadora de Galicia De Moda, axencia de márketing e comunicación especializada en moda; e Lola Dopico Aneiros, artista, docente e directora de ESDEMGA (Estudos Superiores de Deseño e Moda de Galicia), espazo no que Jose Castro impartiu obradoiros, clases maxistrais e exerceu como xurado nos desfiles de fin de carreira DEBUT. Desde este equipo encantaríanos compartir convosco esta velada tan especial.
Ao tratarse dun evento con aforo limitado e acceso unicamente mediante invitación confirmada, agradeceriámosvos que nos indiquedes a vosa dispoñibilidade para asistir, á maior brevidade posible, para facilitarnos a distribución de butacas xerais, por favor. Tamén, por suposto, agradeceriamos a presenza e cobertura dos voso compañeiros reporteiros gráficos.




