A Caniza e Melón seguirán impulsando o sendeiro histórico “Entre Abadías”

O convenio foi renovado o pasado 11 de xullo que permite a unión do Santuario da Franqueira co Mosteiro de Santa María de Melón

A Caniza | O pasado sábado 11 de xullo, o Alcalde da Caniza, Luis Piña, e o Alcalde de Melón, Emilio Díaz, asinaron a renovación do convenio de colaboración intermunicipal para continuar impulsando o sendeiro histórico “Entre Abadías”, que une o Santuario da Franqueira co Mosteiro de Santa María de Melón.

A sinatura tivo lugar na Capela de San Benito, con motivo da festividade deste Santoral, no lugar de Fonte Santa (Melón), o mesmo escenario no que ambos concellos rubricaron por primeira vez este acordo institucional o 11 de xullo de 2022, reforzando así o simbolismo dun proxecto que recupera un camiño con máis de oito séculos de historia e que constitúe un dos principais recursos patrimoniais e turísticos compartidos por ambos municipios.

A renovación do convenio permitirá prorrogar esta colaboración durante o período 2026-2030, garantindo a continuidade dun proxecto estratéxico destinado á conservación, acondicionamento e promoción do Camiño Histórico “Entre Abadías”.

O convenio ten como finalidade coordinar as actuacións de ambas administracións para seguir potenciando este itinerario histórico mediante a mellora e mantemento da sinalización, a promoción conxunta en feiras de turismo, a elaboración de material divulgativo, o desenvolvemento de actividades culturais, deportivas e de investigación, así como a solicitude conxunta de subvencións que permitan continuar poñendo en valor este recurso patrimonial e natural. O Alcalde Luis Piña, destacou que “a renovación deste convenio supón reafirmar o compromiso de ambos concellos cun proxecto que une historia, patrimonio e natureza. “Entre Abadías” é un recurso turístico de gran potencial que contribúe a dinamizar a economía local, preservar o noso legado histórico e proxectar conxuntamente a riqueza dos nosos territorios”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.