A Cañiza avanza nas melloras de camiños da parroquia de Couto

Trátanse dos camiños da Xunqueiras, Coto do Muíño e Santa Baia

A Cañiza | Esta actuación, que comezou a finais de novembro, se desenvolverá en dúas anualidades. Está enmarcada dentro do Plan de “Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023” da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia e ten por obxectivo mellorar a capa de rodaxe e o drenaxe dos viais nunha lonxitude de 1.7 km de pista, cun investimento total de 106.483,27€.

Está subvencionada con 87.899,00 € por AGADER. Unha axuda que inclúe os costes do total da obra e o control de calidade e exclúe a cantidade correspondente ao 21% de IVE, a redacción do proxecto e a dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde que ascenden a un total de 21.966,06 €, distribuidos en 17.546,23€ correspondente ao 21% da execución da obra, 2.651,90€ de redacción do Proxecto e 1.767,93 da dirección e coordinación. Estes gastos están financiados con fondos propios do Concello e recollidos no Anexo de Inversións do Orzamento 2022.

Segundo explicou esta mañá o Alcalde Luis Piña “as melloras destes tres camiños vanse executar en dúas fases. Unha primeira no camiño de Santa Baia que xa está iniciada e unha segunda fase que se reanudará despois das festas de Reis, na que se actuará sobre os camiños de Coto do Muiño e Xunqueiras”. Está previsto que as obras rematen a finais de xaneiro.

A actuación desenvolverase en 1.695 metros de vial, con anchos variables que van dende os 3,50 ata os 4 metros, nuns camiños que presentaban, segundo se recolle na memoria do proxecto, unha rega asfáltica na capa de rodaxe moi deteriorada ademáis de necesitar con urxencia a limpeza e ensanche das cunetas para garantir a seguridade viaria.

A obra foi adxudicada a empresa Construcciones Obras y Viales, S.A. (COVSA) que comezou os traballos a finais de novembro consistentes na limpeza e ampliación de cunetas para mellorar a seguranza viaria e garantir o cruzamento de vehículos así como reducir sobrelargos en zonas de curvas con baixa visibilidade ou entroncamentos. Mellora do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico, eliminación de raíces e mellora da drenaxe do camiño e da sinalización entre os lugares de Xunqueiras, Coto do Muiño e Santa Baia, na parroquia do Couto e que dan acceso, todas elas, a parcelas agrícolas.

As obras contan con todas as autorizacións sectoriais favorables da Confederación Hidrográfica Miño Sil e da Deputación de Pontevedra.