A Caniza acometerá tres actuacións prioritarias en materia educativa

Serán no CPI, no Centro de ESO e no CEIP de Touzosas-Valeixe

A Caniza | O Alcalde da Caniza mantivo o pasado 17 de setembro unha reunión na Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra co seu responsable, César Ares, na que se abordaron tres cuestións prioritarias para as infraestruturas e os servizos educativos do municipio.

O primeiro dos asuntos abordados foi a situación da cuberta do pavillón do CPI da Caniza. Durante a reunión, ambas partes coincidiron na necesidade de acometer a construción dunha nova cuberta, unha actuación que permita resolver definitivamente a situación actual e recuperar a instalación para o seu uso educativo con todas as garantías.

Para avanzar neste obxectivo, a Consellería desenvolverá un estudo xurídico e técnico que permita determinar as actuacións necesarias, mentres que o Concello realizará tamén os estudos correspondentes desde o ámbito das súas competencias.

O obxectivo marcado é que a instalación poida estar dispoñible con teito novo no curso 2027/2028.

Mentres se desenvolven estes traballos e se procura unha solución definitiva, o Concello reitera o seu compromiso de poñer á disposición do centro educativo o Pavillón Municipal Carballo do Marco en horario de mañá, tal e como xa se ofrecera anteriormente, co fin de facilitar a continuidade das actividades lectivas que precisen deste espazo.

O segundo dos asuntos tratados foi o futuro do CEIP de Touzosas-Valeixe. Tanto o Alcalde como o Xefe Territorial coincidiron na necesidade de potenciar o centro co obxectivo de estabilizalo, consolidalo e garantir a súa continuidade nos próximos anos.

Neste sentido, unha das primeiras medidas a abordar será a ampliación da súa área de influencia a todo o termo municipal, de maneira que o alumnado non quede unicamente vinculado ás zonas de Valeixe e Luneda. Esta cuestión deberá contar tamén cos informes correspondentes das direccións dos centros educativos implicados e da Inspección Educativa. A documentación municipal xa recollía a petición de ampliar a área de influencia do centro a todo o municipio.

O propósito é que esta nova configuración poida estar operativa no curso 2027/2028, o que permitiría, entre outras cuestións, estudar a incorporación dunha parada de transporte escolar no núcleo urbano de A Caniza con destino ao CEIP de Touzosas-Valeixe, modificando o actual percorrido, que parte de Sibei.

O Alcalde e o Xefe Territorial coincidiron en que esta medida debe entenderse dentro dun obxectivo máis amplo: favorecer o asentamento da poboación no territorio e garantir a continuidade dun servizo educativo de proximidade no ámbito rural. Por este motivo, comprometéronse a traballar para consolidar, potenciar e estabilizar o centro.

O terceiro asunto abordado foi a situación da cuberta do Centro de ESO da Caniza, que presenta deficiencias e está composta por materiais de uralita que conteñen amianto. A documentación municipal xa sinalaba a necesidade de acometer a súa substitución mediante unha actuación específica sobre a cuberta.

Neste caso, o Concello remitirá á Xefatura Territorial un informe técnico e fotográfico que permita valorar o estado actual da instalación e concretar as necesidades de intervención.

Pola súa parte, o xefe territorial trasladou a disposición da Consellería a poñerse a traballar na reposición da cuberta e na súa substitución, avanzando así cara a unha solución integral para o edificio. Tras a xuntanza o Alcalde Luis Piña valorou moi positivamente o resultado da reunión e destacou a boa disposición e vontade de colaboración mostrada por parte da Xunta.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.