
A Caniza | O Concello da Caniza inaugurará o vindeiro luns 3 de agosto de 2026, ás 12:00 horas, a Primeira Exposición Filatélica da historia do municipio, un acontecemento de especial relevancia polo seu extraordinario valor histórico, cultural e patrimonial.
A mostra poderá visitarse do 3 ao 7 de agosto, en horario de 08:00 a 15:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial (2ª planta, rúa Oriente, 11), con entrada libre.
O acto inaugural estará presidido polo Alcalde Luis Piña, acompañado por membros da Corporación. Tamén asistirán o xefe de sector de Correos, Orlando Cid; a directora da oficina de Correos da Caniza, Rosa Parada; o Presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI), José Luis Rey, o Presidente da Sociedade Filatélica Miño de Ourense, José Barros, a Vicesecretaria da Federación Nacional (FESOFI), Marila Abad así como os expositores das coleccións que integran esta 1ª mostra.
A exposición reunirá pezas e documentos de gran interese para as persoas afeccionadas á filatelia e para todas aquelas interesadas na historia local.

Entre os seus principais atractivos destacan as coleccións de selos dedicadas á gastronomía e á cultura galega; a historia postal da Caniza, que inclúe a primeira marca prefilatélica do municipio; a presentación do primeiro cuño conmemorativo da LX Edición da Festa-Feira do Xamón da Caniza; a emisión limitada da primeira tarxeta postal conmemorativa desta emblemática celebración e, por primeira vez na historia postal do municipio, a exhibición do selo personalizado emitido por Correos para conmemorar o 60º aniversario da Festa-Feira do Xamón da Caniza, unha peza filatélica creada expresamente para homenaxear unha das celebracións gastronómicas máis representativas de Galicia. Como novidade destacada da xornada inaugural, desde as 12:00 horas a 14:00h, o Salón de Plenos acollerá unha Oficina Temporal de Matasellado, onde as persoas asistentes poderán estampar o cuño conmemorativo en cartas, sobres e tarxetas postais. Esta iniciativa permitirá aos coleccionistas e ao público en xeral obter un recordo único desta primeira exposición filatélica e da celebración do sesenta aniversario da Festa-Feira do Xamón. En canto á tarxeta postal conmemorativa da 60 edición da Feira do Xamón, de tirada limitada, poderase adquirir nas oficinas xerais, previo pago de 1,50€, (a abonar con cartón bancario).
Esta iniciativa está organizada polo Concello da Caniza, coa colaboración da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI) e da Sociedade Filatélica Miño, entidades que contribúen á promoción e conservación do patrimonio filatélico galego.
Coa celebración desta primeira exposición filatélica, o Concello incorpora por vez primeira o municipio ao mapa das grandes citas filatélicas de Galicia, poñendo en valor a súa historia postal e a relevancia da Festa-Feira do Xamón a través dunha mostra única que une patrimonio, cultura e tradición.
Aquí deixamos o enlace ao catálogo de novas tarxetas con selo personalizado impreso de Correos, do que xa forma parte A Caniza: https://www.aceper.eu/TPF-SP.htm#Addendum_FERIA-XAMON




