A canción galega AI-LALELO clasifícase para a final da Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial

É unha homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia e a súa tradición, lingua e cultura

Santiago de Compostela | Tras dúas semanas de deliberación, o xurado profesional do AI Song Contest, a Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial, decidiu que a canción galega AI-LALELO competirá na final do concurso o próximo 6 de xullo en Bélxica.

O tema impulsado por un equipo de Galicia competirá xunto a outras 14 cancións de países como Países Baixos, China, Tailandia, Reino Unido, Suecia, Estados Unidos, Corea do Sul, Francia e Alemaña. A axencia creativa compostelá CECUBO Group lidera esta iniciativa, co xornalista galaico-catalán Joel Cava á fronte.

A candidatura galega fora presentada o pasado 1 de xuño, ao igual que as máis de 100 propostas de todo o mundo, nunha semifinal interna. Tras esta primeira fase, o xurado de especialistas en intelixencia artificial, escolleu as 15 cancións que se enfrontarán na final do AI Song Contest. Os expertos emitiron un veredicto onde destacaron que as cancións finalistas “brillan pola súa diversidade xeográfica, cultural e algorítmica”.

A cidadanía xa pode votar
Dende o 16 de xuño e ata a gala final do vindeiro 6 de xullo en Liège (Bélxica), o público poderá votar de balde pola súa canción favorita a través da páxina oficial do festival. O gañador decidirase pola suma dos puntos do 50% do televoto e dun 50% do xurado.

O equipo, baixo o nome de PAMP! (Proxecto Ana María Prieto, en homenaxe á primeira programadora galega), está composto por un grupo multidisciplinar de seis artistas, enxeñeiros, investigadores e músicos galegos. O seu obxectivo é promover a lingua e cultura de Galicia no eido internacional a través das novas tecnoloxías.

“Chegar á final supón un éxito para toda Galicia xa que permite amosar a nosa cultura ao mundo e reivindicar o talento galego no eido da intelixencia artificial”, celebra o equipo PAMP! quen pide á cidadanía que vote en masa pola canción, para que Galicia e España logren unha candidatura gañadora nesta particular edición de Eurovisión.

Nun proceso creativo de 4 meses, o equipo galego compuxo AI-LALELO a partir da intelixencia artificial aplicada á composición da letra, harmonías, instrumentos e videoclip da canción, cuxo éxito está avalado polas máis de 9.000 reproducións acumuladas nas distintas plataformas de streaming. A iniciativa supón un proxecto punteiro no uso da intelixencia artificial, posicionando o talento galego como referente neste eido. A axencia compostelá CECUBO Group, impulsora do proxecto, é punteira na aplicación de intelixencia artificial na comunicación.

No caso de que a candidatura gañe con AI-LALELO a terceira edición deste certame, sumaríase ao histórico de vencedoras dos anteriores anos xunto a Beautiful the World de Australia (2020) e Listen To Your Body Choir de Estados Unidos (2021).

Videoclip
AI-LALELO – Galicia – AI Song Contest 2022

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos