A campaña do 23X colle o seu ritmo en Galicia

Os principais partidos políticos definiron as súas prioridades no camiño á Moncloa

As eleccións xerais máis polarizadas dos últimos anos tamén arrancou a súa campaña en Galicia. Os tres partidos políticos con representación no Parlamento galego, o PPdeG, o BNG e o PSdeG-PSOE deron o pistoletazo de saída á campaña electoral do 23X en Galicia con diversos actos que permitiron pulsar o ambiente político nas rúas.

O máis multitudinario foi o PPdeG este 9 de xullo cun baño de masas de 12.000 persoas para recibir na Praza de Touros de Pontevedra ao candidato Alberto Núñez Feijóo. Na súa praza ‘talismán’ que desde 2009 definiu diversas vitorias electorais para os ‘populares’ e acompañado do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda e do ex presidente de goberno Mariano Rajoy, Feijóo pediu unha “gran maioría” toda vez avisou que “é o momento” de “saír do ‘sanchismo”. Unha clara advertencia xusto un día antes do seu debate electoral en directo con Pedro Sánchez.

O BNG tamén pisou forte en Pontevedra enfocando no voto da mocidade e nos intereses galegos en Madrid. Un día antes, o 8 de xullo, súa voceira Ana Pontón fixo campaña nas rúas pontevedresas pedindo unha mobilización masiva este 23X para “construír unha Galiza sen a precariedade e a emigración que impón a dereita”. Pola súa banda, Carme da Silva, candidata nacionalista para o Congreso dos Deputados, reclamou dende Sabucedo garantías ambientais e participación cidadá para frear “o espolio e abuso eólico dos nosos montes” e pór por diante os intereses de Galiza “fronte a un PP e un PSOE que só fan de correa de transmisión das eléctricas”.

Pola súa banda, este 9 de xullo o PSdeG-PSOE elixiu Lugo, onde recentemente acordou gobernar na Deputación en coalición co BNG, para dar inicio a súa campaña do 23X. Nun acto coas Xuventudes Socialistas, o secretario xeral Valentín González Formoso e o candidato da lista por Lugo José Ramón González Besteiro chamaron á mocidade a votar para frear “as opcións da dereita que trata á mocidade deste país como borregos”. No acto tamén participou alcaldesa lucense Lara Méndez.

Sumar tamén deu comezo en Galicia a súa campaña electoral. A candidata de Sumar, a ferrolá Yolanda Díaz, elixiu A Coruña este 7 de xullo para dar inicio a súa campaña electoral acompañada da ex alcaldesa de Barcelona Ada Colau e da actriz Marisa Paredes. A mensaxe de Díaz foi acabar co “mito de bo gobernante” de Feijóo.

Ese mesmo día, e baixo o lema “Galicia con Abascal”, VOX comezou simultaneamente a pegada de carteis cos seus candidatos ás listas na Coruña, Juan Garcilaso de la Vega; Pontevedra, Álvaro Díaz Mella; Ourense, Bravo Bosch; e Lugo, Jorge Núñez. Como Feijóo e o PP, o obxectivo de VOX é tamén “saír do ‘sanchismo”.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.