A C10 máis solidaria vólcase con Ucraína

Rozando o récord da proba

A Coruña | A Coruña acolleu este domingo a edición número 16 da carreira C10. Esta proba de 10 quilómetros é un dos clásicos das carreiras populares da cidade e este ano estreou un percorrido que pasou polas dúas fachadas marítimas da cidade e atravesou os peiraos, como está sendo habitual nos últimos eventos celebrados. Foi a segunda C10 tras o regreso destas competicións á cidade tras a pandemia.

Esta mañá de domingo viviuse un gran ambiente no Parrote, punto de encontro desta proba. Na categoría feminina, gañou a keniata Selah Jepleting Busienei, cun tempo de 31:44 minutos, a tan só catro segundos do récord da proba. Trátase da 16ª mellor marca mundial deste 2022 nunha proba de 10 quilómetros.

O segundo posto foi para Chenet Misganaw Takele e o terceiro para Solange Pereira. O gañador da categoría absoluta masculina foi o etíope Melaku Birhan Aregu, cun tempo de 29:04 minutos. O segundo posto foi para Javier Guerra e o terceiro para Alejandro Fernández.

A alcaldesa Inés Rey foi unha das encargadas de entregar os premios desta C10, na que participaron varias persoas refuxiadas ucraínas, que foron invitadas polo Concello da Coruña. Tras o acto, leuse un manifesto en apoio ao pobo ucraíno e interpretouse o seu himno. A C10, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo, repartiu un total de 9.700 euros en premios. Inés Rey tamén deu a saída de varias das probas das categorías inferiores.

A C10 atópase entre as mellores probas de 10 quilómetros de España e consolídase cun percorrido máis plano e rápido, que conecta as dúas contornas mariñas da cidade, a baía do Orzán e a zona portuaria.

O obxectivo desta ruta foi procurar a mellor orografía de ambas as zonas e que a carreira atravesase algúns dos puntos máis emblemáticos da Coruña, facilitando ao mesmo tempo a visibilidade para o público.

O percorrido atravesou tamén parte das instalacións dos peiraos, que proximamente quedarán abertas á cidadanía. Esta zona é idónea para este tipo de probas pola súa planimetría. A saída e a meta estiveron instaladas no paseo do Parrote, onde se celebraron as competicións de menores tras a proba absoluta.

Solidariedade con Ucraína
Esta C10 foi especial polo apoio que amosaron os corredores e as corredoras ao pobo ucraína. As camisetas oficiais da proba contaban coas cores da bandeira de Ucraína e a palabra “paz”.  Ademais, despois das distintas probas celebrouse unha sesión de zumba solidaria no Parrote que estivo aberta a toda a cidadanía e na que se puideron facer doazóns. Ademais, tamén estivo dispoñible durante as últimas semanas a posibilidade de facer achegas a través do dorsal 0. Toda a recadación foi destinada á asociación AGA-Ucraína, que utilizará os fondos para mercar material sanitario de gran necesidade en Ucraína.