• Segue conectado
  • |

A BRILAT recoñece á alcaldesa de Oia co premio “Dama Azor”

Oia | A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, vén de recibir o premio “Dama Azor” en recoñecemento polo apoio e colaboración que a institución municipal presta á Brigada “Galicia” VII BRILAT, que desde hai anos desenvolve no concello parte das súas actividades de preparación militar.

“En nome de todos os homes e mulleres que estamos na BRILAT, damos os parabéns ao Concello”, destacou o xeneral xefe Luís Cortés, durante a entrega do premio. Na súa intervención, destacou que este ano é o primeiro que estes Premios Azor se conceden “á persoa dunha dama”. Concretamente, neste 2020 foron tres as mulleres galardoadas, entre elas a rexedora oiense.

O acto protocolario celebrouse o pasado mércores no Salón de Plenos do Consistorio oiense e nel participaron diversos mandos da Brigada, así como o equipo do goberno municipal, presidido pola alcaldesa. Ademais de facerse entrega do premio “Dama Azor” á rexedora, a institución local agasallou á BRILAT cunha gaita artesá para a súa banda musical.

Nas súas respectivas intervencións, tanto o xeneral como a rexedora destacaron a colaboración entre ambas institucións, a través da que a BRILAT desenvolve diversas actividades de preparación en Oia. Nese sentido, Correa tamén lembrou á comunidade de montes de Burgueira, pois é a que facilita “uns terreos moi adecuados ás necesidades de preparación dos militares” na zona de Torroña.

Un “honor e orgullo”
Cristina Correa afirmou recibir o recoñecemento con “honor e orgullo” e “especialmente emocionada” pola colaboración de “moitos anos” que existe entre ambas institucións. A ese respecto, asegurou a continuidade do apoio do Concello á BRILAT.

Na súa intervención, a alcaldesa destacou o importante labor que a Brigada desenvolve en misións internacionais, na loita contra os incendios forestais e na operación destinada a reducir o impacto da COVID-19. Tamén tivo palabras de agradecemento á súa banda de música, a cal participa habitualmente na celebración das principais festividades locais en Oia.

O acto, que se desenvolveu mantendo todas as medidas de seguridade segundo as normativas pola COVID-19, contou coa asistencia de diversas autoridades da Brigada, entre elas o tenente coronel xefe do Batallón do Grupo Loxístico, Bernardo González Lázaro, e o comandante Pablo Ponce de León.

Publicado o 25 Set 2020 en Axenda, Oia, Portada.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies