A Biblioteca do Porriño recibe o premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2022

Polo proxecto “Acompañando na aventura de crecer. Xornadas para familias e profesionais”

O Porriño | A Xunta de Galicia vén de recoñecer o proxecto “Acompañando na aventura de crecer: Xornadas para familias e profesionais”, da Biblioteca Municipal do Porriño, co V Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, galardón que ten como obxectivo poñer de relieve e impulsar os proxectos e prácticas innovadoras levadas a cabo polas bibliotecas e axencias de lectura públicas municipais.

Os bibliotecarios, Albino Alonso e David Pérez, acompañados polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, recolleron hoxe o recoñecemento na clausura da IV Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, que se celebrou na Cidade da Cultura de Galicia coincidindo co Día das Bibliotecas.

O premio está dotado con 3.000 euros e o distintivo de biblioteca innovadora.

Acompañando na aventura de crecer
As xornadas para familias e profesionais organizadas desde a Concellería de Cultura, a través da biblioteca municipal, abordaron desde diferentes puntos de vista como se pode favorecer o correcto desenvolvemento dos nenos e nenas desde que nacen e na súa primeira etapa infantil, para facilitar unha vida adulta máis saudable e enriquecedora.

Desde diferentes perspectivas profesionais, tratáronse varios temas de suma importancia para o desenvolvemento infantil, que funcionan como termómetros para avalialo: a linguaxe, a psicomotricidade, as emocións ou a visión, entre outros.

Foron seis as xornadas que completaron o ciclo: “Impacto das pantallas no desenvolvemento cognitivo” con María Couso (Pedagoga e mestra), “Entende como crece” con Vanesa Gómez (Fisioterapeuta), “Aprende a ver como ve” con Antía Blanco (Óptica), “O xogo a través dos sentidos” con Mari Carmen Vaqueiro (Terapeuta ocupacional), “Imos querernos ben” con Vanessa Cortegoso (Psicóloga) e “Desde lactar ata falar, todo un camiño de comunicación” con Eva López (Logopeda).

Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia
Este galardón recoñece anualmente proxectos das bibliotecas públicas municipais relacionados coas seguintes áreas: aprendizaxe ao longo da vida, competencias informacionais e dixitais, biblioteca dixital e redes sociais, cohesión e inclusión social, posta en marcha de servizos innovadores, sustentabilidade, igualdade entre homes e mulleres, loita contra a violencia de xénero e contribución aos obxectivos da axenda 2030.

A última entidade recoñecida foi a Biblioteca Pública Municipal Xela Arias de Chapela, en Redondela, polo proxecto “Unha biblioteca para Xela”.

Sumouse así á Biblioteca Municipal de Bóveda, galardoada en 2020 polo labor da integración social, a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas de Vigo, que recibiu o premio en 2019 pola elaboración dun mapa literario da cidade, e a Biblioteca Pública Municipal de Camariñas, que recibiu o recoñecemento en 2018 polo proxecto El berberecho rebecho viaja a La Turballe.