A Banda de Xinzo pon música aos premios Agader 2018


Ponteareas | A cidade da Cultura de Santiago de Compostela foi escenario o pasado 14 de setembro, da entrega dos premios AGADER 2018, acto que serviu como recoñecemento á iniciativa pioneira da Banda de Xinzo de constituír a súa propia Fundación para potenciar o seu patrimonio cultural e musical. Fundación que foi declarada de Interese Galego pola Xunta de Galicia o pasado mes de maio.

A participación da Banda de Xinzo no acto de entrega da oitava edición dos premios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, foi posible grazas ao compromiso adquirido pola Conselleira de Medio Rural, Ángeles Mejuto, na pasada edición dos premios AGADER, de que a Banda de Xinzo estaría presente no acto de entrega dos seguintes premios do ano 2018. Compromiso que da continuidade ao recoñecemento realizado pola Xunta de Galicia a esta agrupación musical Ponteareá, que se fixo co galardón á mellor iniciativa xuvenil de desenvolvemento rural no ano  2017. Premio dotado con 15.000 euros que recibiu gracias á candidatura: «A música, factor de desenvolvemento socio-económico na comarca do Condado».

Un cuarteto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, composto por Blanca Represas ao Saxofón  Barítono, Alejandro Otero co Saxofón Alto, María Represas co Clarinete e Javier Blanco co Clarinete Baixo, foi o encargado de por a música no acto de entrega da novena edición dos premios convocados pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia.

Francisco Represas, Presidente da Banda de Xinzo, explica que “o importe do premios foi destinado á compra de instrumentos co obxectivo de facilitar a ensinanza musical a toda a mocidade e poboación en xeral do medio rural”. Garantido así un crecemento sólido da entidade musical mais laureada do Concello de Ponteareas.