A Banda de Gaitas San Xoán de Paramos estará no Desfile de San Patricio en Nova York

Dous anos depois do seu debut

Tui | O 17 de marzo, día de San Patricio (Saint Patrick’s Day ou Lá Fhéile Pádraig) os irlandeses conmemoran o seu patrón e a creación da República de Irlanda. Debido a gran emigración irlandesa celébrase a nivel mundial, sendo New York un dos máis concorridos e coñecidos.

No ano 2020 a iniciativa do Celtiberian Heritage–New York e do Centro Español da cidade a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos estaba convidada a participar no desfile de San Patricio da cidade americana en representación do Estado Español. A crise da COVID19 e a suspensión do desfile fixo que se cancelara esa participación o dia anterior ao inicio da viaxe.

Neste ano, coa recuperación do desfile, a banda volta ser convidada a participar no Día de San Patricio en New York. Desprazarase aos Estados Unidos dende o 9 ao 19 de marzo. Nesta viaxe, alén da participación no desfile, ten programadas diferentes actuacións na cidade de New York e no veciño estado de New Jersey.

Para unha banda como a nosa, dun pequeno centro cultural e dunha pequena parroquia de Tui, supón unha grande satisfacción e responsabilidade esta invitación. Satisfacción polo recoñecemento que supón a catorce anos de traballo e compromiso coa música tradicional e responsabilidade por ser escollidos para levar a música galega a un desfile destas características.

Esta viaxe, na que participan 47 dos integrantes da Banda, culmina tres anos de traballo, e dous de espera, do Centro Cultural Laxes de Paramos, da Banda de Gaitas San Xoán e dos propios músicos.

Alén dos ensaios e da preparación da viaxe, os integrantes da Banda e do Centro Cultural tiveron que facer fronte, en solitario, aos elevados gastos que conleva a preparación e o desprazamento aos Estados Unidos. Tres de traballo, musical e económico, recadando fondos, e dous de espera pola crise sanitaria, teñen agora o seu premio cunha experiencia única.