A alcaldesa de O Porriño celebra o consenso e colaboración amosada por todos os grupos para afrontar a crise

O Porriño | O goberno municipal de O Porriño poñerá en común cos grupos políticos do consistorio unha proposta da orde do día para un vindeiro pleno da corporación, a fin de acordar as liñas de actuación que o Concello vai despregar na desescalada para axudar aos sectores máis sensibles da economía local.

Este acordo adoptouse hoxe na reunión de Comité Municipal de Seguimento do “Covid-19” que presidiu a alcaldesa e no que participaron todos os membros do goberno municipal coligado PSOE/BNG e os voceiros dos grupos políticos PP, EUSON e UDDL.

Durante a reunión informouse das diversas actuacións despregadas polo Concello en axuda social, reparto de alimentos, limpeza e desinfección e noutros eidos. Os voceiros do PP e de EU-SON criticaron a á alcaldesa a demora en convocarlles para este comité e solicitaron manter unha quenda de reunións máis asiduas para poder participar das decisións que se adopten.

Eva García de la Torre manifestou, ao remate da reunión, “síntome honrada de presidir esta corporación e comprobar que todos os grupos políticos deron hoxe a medida da súa responsabilidade e capacidade que se agarda de nós nunha situación desta gravidade”. “Con independencia das críticas que son obxectivas, o ton común foi construtivo e de apoiar todas as medidas que sexamos quen de aprobar para axudar aos sectores máis golpeados por esta crise, conscientes de que temos que evitar que despois da crise sanitaria, teñamos unha pandemia económica que prexudique o crecemento acadado por este municipio”.

A proposta que elaborará o goberno porriñés será levada a comisión informativa municipal para conseguirse con todos os grupos e definir a orde do día dun vindeiro pleno da Corporación “no que acordaríamos medidas para afrontar a desescalada”, engadiu García de la Torre.
A alcaldesa apela á importancia de “crear un fondo económico mediante modificacións orzamentarias para facer fronte as axudas que deberemos prestar aos sectores máis endebles”, rematou Eva García.