A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, incorpórase á executiva do PSdeG

É a primeira socialista que logrou a alcaldía dese municipio pontevedrés

Santiago de Compostela/PSdeG | A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, incorpórase á dirección do PSdeG como secretaria executiva a proposta do secretario xeral, Gonzalo Caballero. Verónica Pichel é a primeira socialista que logrou a alcaldía en Forcarei, polo que se trata dunha alcaldesa de referencia para todo o PSdeG.

Ao respecto, Gonzalo Caballero subliñou que “Verónica Pichel é unha persoa con grande proxección no partido”, polo que amosou a súa “satisfacción” por poder contar con ela para seguir fortalecendo o proxecto socialista. “É un exemplo de muller nova comprometida co seu municipio”, resaltou.

Ademais, Verónica Pichel formará parte do grupo de coordinadores da ponencia marco que se elaborará de cara ao congreso do PSdeG, como coñecedora do medio rural e na súa condición de experta en turismo. Ante a súa entrada na dirección do PSdeG, a rexedora de Forcarei agradeceu a “confianza” do secretario xeral e comprometeuse a súa “dedicación á hora de traballar polo proxecto socialista”.