A alcaldesa Cristina Fernández (BNG) presentou o seu equipo electoral para o 28M

Combina experiencia política e incorporacións de elevada cualificación profesional

Ponteareas/BNG | A alcaldesa de Ponteareas e candidata do BNG, Cristina Fernández, deu a coñecer a relación dos once primeiros postos da candidatura ás eleccións municipais, o número de concelleiras e concelleiros preciso para obter a maioría absoluta nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio.

Tras a propia Fernández, figura a actual concelleira de Promoción Económica e Turismo, Eva Gil, natural de Canedo, Directora Técnica de proxectos de Desenvolvemento Rural, licenciada en Xeografía e Máster en desenvolvemento local e comarcal e en políticas comunitarias. José Carlos Vázquez, licenciado en Ciencias Económicas pola UVigo e Funcionario de Administración Local, incorpórase ao proxecto no terceiro posto. Nos postos cuarto e quinto sitúanse a actual concelleira de Benestar social e Igualdade, Verónica Carrera, natural de Pías e diplomada en educación social, e o actual portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó, natural de Ponteareas, concelleiro de Deportes, Eventos e Mocidade no goberno local.

No sexto posto incorpórase Verónica Bargiela, natural de Guláns, Enxeñeira Técnica Agrícola, Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Doutora pola Universidade de Vigo e implicada na posta en valor da vaierdade do pemento de Guláns. Na sétima posición figura Fran Aparicio, natural de Cumiar, Técnico Administrativo Contable, Diplomado en Maxisterio coa especialidade de Educación Musical e dedicado profesionalmente á xestión e organización de recursos materiais e humanos.

O oitavo posto ocúpao Bolívar González, natural de Cristiñade, técnico en taxacións e valoracións, foi director da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, concelleiro do BNG dende 1995 a 2009 e é Responsábel local da formación nacionalista na actualidade. No décimo posto concorre Andrés Carrera, veciño da vila, Licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, presidente e director técnico do Club Natación Ponteareas. No undécimo posto, figura Diana Bernárdez, natural de Fozara, traballadora na hostalaría local, forma parte da directiva da Asociación Familias Azuis, dedicada á atención de persoas con autismo.

Cristina Fernández destacou que a candidatura combina experiencia política e de goberno coa incorporación de persoas de elevada cualificación profesional e académica, “o que supón unha garantía de eficacia, competencia e capacidade de xestión no futuro goberno local”.

“O BNG ofrece a Ponteareas o mellor equipo, un grupo de persoas preparadas e formadas, ilusionadas coa transformación da localidade e dispostas a poñer a súa experiencia ao servizo das veciñas e veciños para garantir que Ponteareas siga avanzando nas mellores mans”, sinalou a alcaldesa e candidata do BNG.