As Vilas en Flor de Galicia estiveron de gala en Salceda

Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas e Tomiño volveron recibir 4 Flores de Honra

Salceda de Caselas | Por novena vez desde 2018, o programa Vilas en Flor Galicia reuniu este 13 de novembro aos Concellos galegos aliñados cunha nova forma de coidar os seus espazos verdes en consonancia co Regulamento europeo de restauración da natureza.

Este movemento ten como obxectivo mellorar a planificación, o deseño e a xestión das zonas verdes, urbanas e rurais, nos municipios galegos de menos de 40.000 habitantes. Unha filosofía que persegue unha mirada máis sostible e resiliente ao territorio, tanto desde un prisma estético coma ecofuncional, entendendo a paisaxe como un escenario onde conflúen valores ambientais, culturais, históricos e sociais para alcanzar mellores sitios para vivir.

Este é o camiño ao que neste 2026 se sumaron 40 municipios galegos das catro provincias aos que hoxe se lles fixo entrega das Flores de Honra. Estes galardóns, recoñecen nunha escala do 1 ao 5, sendo cinco o máximo, a súa execución ambiental. Como explicou Pedro Calaza, director do programa: “A Flor de Honra é a expresión visible dunha xestión máis ampla, que require solos vivos, un uso responsable da auga, arborado axeitado e ben conservado, biodiversidade, planificación, mantemento profesional e participación cidadá. Ademais de plantar máis, o obxectivo é recoñecer os valores existentes, conservalos, conectalos e melloralos, atendendo á escala e ás características de cada municipio”.

Flores de Honra  2026
4 Flores de Honra (5 concellos): Allariz, Carballo, Chantada, Salceda de Caselas, Tomiño.
3 Flores de Honra (14): Arteixo, Caldas de Reis, O Carballiño, Culleredo, Lalín, A Laracha, As Pontes de García Rodríguez, O Rosal, Salvaterra de Miño, San Sadurniño, As Somozas, Tui, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo.
2 Flores de Honra (15): Abegondo, Cambados, Cuntis, Curtis, A Guarda, Leiro, Manzaneda, Marín, Mondariz-Balneario, Mos, Oza-Cesuras, Ponteareas, Sada, Sanxenxo, Sarria.
1 Flor de Honra (6): A Estrada, Mondariz, As Neves, A Pobra de Trives, Ponteceso, San Xoán de Río.

A avaliación do xurado de Vilas en Flor abrangue o patrimonio vexetal e paisaxístico, a sostibilidade ambiental, as actividades sociais e turísticas, a comunicación e o impacto visual no conxunto do municipio. Ademais dos xardíns emblemáticos, téñense en conta as entradas ao municipio, os espazos públicos, os barrios residenciais ou as zonas menos favorecidas. O modelo procura recoñecer a calidade da planificación, da xestión e dos resultados, tendo en conta a realidade rural e natural de Galicia e os recursos dispoñibles en cada concello.

Gala 2026
A gala deste mediodía tivo lugar no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas presidida por Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, María Dolores Castiñeira, alcaldesa de Salceda de Caselas, Enrique Luis de Salvador, director do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente; Víctor Pérez, presidente da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar); e Fernando Otero, vicepresidente da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor).

Durante o seu discurso de benvida, Sáez Ponte, destacou a importancia de Vilas en Flor para espallar as boas prácticas en infraestrutura verde: “O efecto difusor da infraestrutura verde entre os concellos galegos ten o mellor exemplo onde hoxe nos atopamos, en Salceda de Caselas, no Baixo Miño. Os concellos desta comarca, representan case o 20% do total das flores de Honra concedidas desde 2018, unha proba máis de que estamos nun espazo dinámico que acelerou o seu crecemento desde que a entrada na UE eliminou atrancos ás relacións coa outra beira. Unha satisfacción comprobar o ben que o facedes”.

Nesta edición, o programa contou co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio; e do Concello de Salceda de Caselas. Durante o encontro de hoxe tamén se presentou a nova web do movemento accesible desde a dirección https://vilasenflorgalicia.org, e na que tamén se pode descargar a acta do xurado. A plataforma reforzará a visibilidade de Vilas en Flor Galicia e facilitará o acceso á información a todos os concellos participantes. Será tamén un escaparate para divulgar boas prácticas na xestión dos espazos verdes e animar novos municipios a sumarse á iniciativa.

Que é Vilas en Flor Galicia?
Vilas en Flor é unha rede internacional de concellos conscientes e comprometidos cos beneficios que achega a mellora ecolóxica e paisaxística dos espazos públicos para fortalecer o vínculo social, a identidade, o compromiso co territorio e a saúde das persoas.

En Galicia, o programa está dirixido a municipios de menos de 40.000 habitantes. O seu traballo recoñécese publicamente durante unha gala anual durante a que se entregan os galardóns coñecidos como Flores de Honra, entre 1 e 5, sendo cinco o máximo. En Galicia, o movemento está impulsado pola Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Asociación de Viveiristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR).

En España as outras entidades nas que está implantado o movemento son Aragón, Canarias, Cataluña e Valencia. A nivel internacional, en Francia, onde naceu en 1959, chámase Villes et Villages Fleuris, en Francia; Comuni Fioriti en Italia; Britain in Bloom, en Reino Unido; Tidy Towns en Irlanda; e Communities in Bloom, en Canadá.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.