Por que votar o BNG é a única opción útil e de futuro para Galicia?

Xosé Coello | Para quen defende este país, a resposta é clara: hoxe non existe ningunha outra forza estritamente galega que represente os nosos intereses. Mais a verdadeira clave está en convencer a moita xente progresista que non se define como nacionalista, aínda que busca resultados reais.

Por que deberían confiar no BNG? Primeiro, porque o BNG é o verdadeiro voto útil da esquerda en Galicia.

Os resultados das derradeiras eleccións falan por si mesmos: a distancia en votos e apoio social co PSOE foi enorme. Este partido xa non ofrece a ilusión de fai tempo; só mantén o vello e falso argumento do “voto útil” para captar apoios que despois non se traducen en avances para o noso país. Votar ó BNG non é só votar esquerda e votar eficacia.

Segundo, porque a voz de Galicia en Madrid escoitase directamente. Os partidos estatais responden sempre ós intereses das súas direccións en Madrid e teñen que pactar con outros territorios antes de defender os nosos dereitos. O BNG non. O BNG vai directo o gran. Non é casualidade que este modelo descentralizador o estean a adoptar cada vez con máis interese outras formacións novas como a Chunta Aragonesista, Adiante Andalucia, Compromís en Valencia, etc. A voz directa é a única que funciona.

Terceiro, porque os feitos falan por si mesmos. Se revisamos a traxectoria, o compromiso e o traballo o longo dos anos, dos deputados e senadores do BNG no Congreso e Senado, non existe dúbida que tódolos problemas de competencia estatal, que tivemos en calquera lugar do noso país, foron tratados nas Cortes por iniciativa deles: a gratuidade e transferencia da AP9, o problema de ALTRI, a solicitude dun mellor tren Ferrol-Coruña, problemas das mariscadoras e do mar, problemas concretos dos gandeiros, etc.

“Fronte ó perigo real de retroceso democrático e social que representa o bloque reaccionario, o BNG ten demostrada a súa solvencia progresista”

Por último, fronte ó perigo real de retroceso democrático e social que representa o bloque reaccionario, o BNG ten demostrada a súa solvencia progresista. Tódalas medidas sociais e de avance que permitiron progresar ó conxunto do Estado tiveron sempre o apoio do BNG. Facer Galicia máis forte en Madrid e frear a dereita é, hoxe, a mesma cousa. O voto ó BNG é garantía de ambas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.