
Vigo | O vgoTIC Global HUB, o potente complexo tecnolóxico que a Zona Franca de Vigo está desenvolvendo en López Mora, dá un paso máis para a súa consolidación como Polo TIC de referencia no Noroeste peninsular. O Comité Executivo do Consorcio resolveu adxudicar á UTE Dragados-Construcciones Ramírez as obras de urbanización dos edificios 1, 2 e 3 do complexo, por un importe de máis de 38 millóns de euros (38.106.417,52€), IVE excluido.
A reforma do conxunto de edificios, baseada no proxecto da arquitecta Carme Pinós, suporá o paso definitivo para a implantación do Centro de Excelencia Aeroespacial e de Defensa de INDRA, que ocupará o edificio número 2, cunha previsión de emprego altamente cualificado de 200 postos de traballo, e a do novo Centro de Negocios e Tecnoloxía nos edificios 1 e 3, que estarán destinados a innovación e albergarán servizos para iniciativas tecnolóxicas, laboratorios orientados á computación e á tecnoloxía cuántica, amais de auditorio, restauración e biblioteca.
Todo o complexo disporá, ademais, de servizos comúns e sociais como salas polivalentes, escola infantil, zonas verdes e unha gran praza pública para o desfrute da cidadanía. Estes tres edificios se completarán coa Incubadora de Alta Tecnoloxía startTIC, que se está rematando no Edificio 4, cofinanciada con Fondos FEDER a través de INCYDE, e xestionada pola Zona Franca con Gradiant e a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.
As obras que se acaban de adxudicar nos edificios 1, 2 e 3, comprenden tanto a parte de urbanización do ámbito e o das edificacións, cun importe total de 35.242.246,01 €, IVE excluido, como os traballos de acabados e acondicionamento dos espazos dos edificios 1 e 2 por un importe máximo de 2.864.171,51 €, IVE excluido.
Por outra banda, o Comité Executivo de Zona Franca ratificou hoxe o Protocolo de colaboración co Concello de Cangas para a reordenación integral da Explanada de Ojea, que consistirá na recuperación e posta en valor das históricas naves industriais ali existentes e na construción dun aparcadoiro soterrado para solventar o grave problema da carencia de prazas de estacionamento no centro da vila do Morrazo.
Igualmente, o Comité aprobou a formalización do Protocolo co Concello de Vilagarcía de Arousa para establecer as bases de colaboración a fin de implantar un novo Centro de Negocios no municipio. Destinaríase a emprendemento e viveiro de empresas e, de forma preferente, implantaríase nun dos edificios catalogados ou que conten cun grao de protección para contribuír a poñer en valor o patrimonio inmobiliario histórico do municipio.
Finalmente, o Comité deu luz verde ao Convenio entre Zona Franca e o Concello de Caldas de Reis para o desenvolvemento e xestión do solo do Parque Empresarial de Paradela-Carracedo. El convenio establece o marco de colaboración entre ambos organismos.




