‘Circo no Camiño’ amosa as artes escénicas en catro localidades

Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela recibirán espectáculos

Ourense | Circo no Camiño celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais.

A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación da iniciativa Circo no Camiño, que tivo lugar na Cidade da Cultura en Santiago.

En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín -onde estará do 12 ao 15 de novembro-; Lalín -do 20 ao 22 de novembro-; A Estrada -entre o 27 e o 29 de novembro-; e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Entre as principais propostas que se presentaron destacan a Gran Gala de Circo no Camiño, conducida polo pallaso Fifo; a maxia do Mago Teto; os espectáculos de Culturactiva; a música para cativos de Uxía Lambona e a Banda Molona; e os pasarrúas de Troula.

O director de Turismo de Galicia incidiu no seu aporte para a dinamización turística e económica, así como na diversificación das experiencias vinculadas ao Camiño de Santiago.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.