
Tui | Este venres 13 de novembro haberá un cheo no Teatro Municipal de Tui para a obra que pecha a programación de outono na cidade. O grupo Chévere representará “Ictus (Anatomía de “A Derradeira Leición” de Castelao)” este venres 13 ás 21 h. A obra estreouse en febreiro en Santiago, tras estar en distintas localidades galegas nos últimos meses, representouse en Madrid durante un mes, en Alacante, e este venres a Tui para continuar xira por Galicia e en decembro tamén en Tenerife.
“Ictus” é unha coprodución de Chévere co Centro Dramático Nacional. A compañía asume o reto de levar a escena esta peza de teatro documental e faino usando unha narrativa accesible a persoas xordas e persoas cegas, integrando en escena a lingua de signos (LSE) para persoas xordas signantes e conta con audiodescrición en directo desde o escenario integrada na narrativa, para persoas con discapacidade visual.
Ao longo de 110 minutos a obra aborda a relación que existe entre boa memoria e boa democracia e sobre os traumas sen resolver coa nosa memoria histórica. Unha obra que usa como fío condutor o cadro titulado “A derradeira leición do mestre”, que é a derradeira pintura que Castelao asina no exilio, cando está case cego.
Sobre o escenario estarán Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Borja Fernández, Gema Santos, Marcos Pereira baixo a dirección de Xron, responsable tamén da dramaturxia da obra. Hai máis de 35 anos que se formou Chévere caracterizándose nestas décadas por presenter unha proposta escénica tan irreverente como xenuína. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro, polo seu compromiso social e cultural e pola súa coherente traxectoria de creación colectiva, transgresión de xéneros e conexión crítica coa realidade. Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo conforman o núcleo artístico estable da Compañía que mantén unha ampla rede de colaboracións con decenas de profesionais.
O deste venres será o segundo cheo no Teatro Municipal nesta programación de outono, xa que no inicio da mesma no espectáculo “A Penúltima” de Carlos Blanco colgouse tamén o cartel de “completo”.




