O viño e o champagne ‘emocionaron’ a Tui

Unha fin de semana de enoturismo cunha ampla proposta

Tui | As elaboracións de pequenos produtores caracterizadas pola súa personalidade e singularidade, e pola historia que hai detrás de cada viño, son as protagonistas de Emoción dos Viños. Este evento regresa a Tui na súa décimo sexta edición cunha ampla proposta enolóxica xa que son máis dunha trintena de viños os que protagonizan a cita deste 2026 que se desenvolve no edificio da praza da Inmaculada.

As persoas que se acheguen poderán coñecer estes viños de autor e coñecer e compartir cos responsables das distintas adegas as características e as emocións que cada viño suscita. Celébrase hoxe sábado e mañá domingo cun horario de 11 a 14 h e de 16 a 20 h. O prezo da entrada por día é de 20€.

De forma paralela esta mañá celebrouse L’emotion du Champagne no Espazo Sociocultural que contou cunha gran acollida coas entradas esgotadas hai xa días.

A concelleira de Patrimonio e Turismo, Ana Núñez, destaca coma a celebración de A Emoción dos Viños en Tui, un evento xa consolidado e con longa traxectoria, converte a Tui esta fin de semana en “referente do enoturismo e da cultura do viño, ao tempo que pon en valor o traballo dos pequenos produtores”. Ao tempo contribúen a valorizar e dar a coñecer o entorno patrimonial no que se celebra cada ano, no caso de Tui no edificio municipal na praza da Inmaculada, cuxa planta baixa foi rehabilitada recentemente.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou tamén o orgullo de poder acoller de novo A Emoción dos Viños na cidade “recuperamos un evento que naceu nesta cidade e que despois dun longo periplo fóra dela temos a inmensa fortuna de que volve”. Engadiu que “un evento destas características está moi ligado á historia e ao legado que esta cidade nos ten transmitido ao longo dos anos”.

Concurso escolar para a Postal de Nadal
A creatividade do alumnado tudense volverá a protagonizar a postal de Nadal do Concello de Tui. A concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui vén de convocar unha nova edición do Concurso de Debuxo Escolar para a elección desta postal de Nadal.

Este certame vai dirixido ao alumnado de Primaria dos centros educativos do municipio. As bases desta convocatoria serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra nos vindeiros días e no taboleiro de anuncios do Concello.

Poderán participar todos os nenos e nenas matriculados en Educación Primaria nos centros educativos radicados no municipio de Tui, tanto públicos coma concertados, aportando un debuxo coa temática do “Nadal en Tui”. O obxectivo é que os nenos e nenas tudenses, expresen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co noso concello. Tamén se deberá incluír, obrigatoriamente, unha referencia á Catedral, co gallo da celebración dos oitocentos anos da súa consagración.

Cada participante presentará un único traballo orixinal e inédito con técnica libre, que debe ir identificado na parte posterior. Cada centro escollerá as doce mellores postais que serán enviadas á Concellería de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui para presentar ao xurado deste concurso de debuxo infantil. O prazo de presentación dos traballos remata o 27 de novembro de 2026 ás 14 h.

Establécese un primeiro premio consistente nun lote de material educativo e de pintura valorado en 100 euros e esta obra será a postal do Nadal do Concello de Tui. O segundo premio será un lote de material educativo e de pintura por valor de 50 euros, e o terceiro premio un lote de material educativo e de pintura por valor de 40 euros.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, explica que “a finalidade deste certame escolar é fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal”. Engade Sonsoles Vicente que nos últimos anos o certame ten suscitado un alto interese contando cunha elevada participación polo que o Concello segue apostando por esta modalidade para a súa felicitación de Nadal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.