A Facultade de Veterinaria en Lugo presentou un estudo xenómico para a caracterización do Can de Palleiro

Medio Rural impulsa novas accións para a recuperación e promoción da especie

Lugo | Alfonso Villares, delegado territorial da Xunta de Galicia, asistiu hoxe na Facultade de Veterinaria de Lugo á presentación dos resultados dun estudo xenómico para a caracterización e recuperación da raza Can de Palleiro. No acto interviñeron o catedrático de Xenética da USC Paulino Martínez, responsable do estudo xenético; e o presidente da asociación Can de Palleiro, Daniel Conde.

Villares subliñou que este proxecto de investigación orientado a mellorar o coñecemento, identificación e conservación desta raza canina autóctona foi financiado íntegramente pola Consellería do Medio Rural, que mantén unha colaboración continuada co Club Raza Can de Palleiro para impulsar a recuperación, preservación e promoción da especie.

Nese sentido, o delegado explicou que a Consellería achega tamén 80.000 euros ao colectivo a través dun convenio renovado o ano pasado e que está vixente ata o ano 2028, para impulsar novas accións encamiñadas ao fomento e difusión da raza. Villares destacou que o traballo realizado nos últimos anos grazas esta colaboración tivo unha repercusión positiva na raza, que rexistro un incremento do número de criadores e dos animais inscritos no libro xenealóxico.

A raza Can de Palleiro foi recoñecida no ano 2001, despois de comprobarse a existencia dunha poboación comunmente denominada así polo seus criadores, composta por exemplares que gardan entre si unhas características similares e diferenciadas. Debido ao interese xenético, social e cultural que supón para Galicia a súa recuperación e promoción, decidiuse publicar o seu estándar racial e a creación do seu libro xenealóxico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.