A Zona Franca e a Fundación INADE estudan a creación dun Observatorio de Riscos Empresariais

Colaboran nun estudo para mellorar a xestión de risco no sector empresarial galego

Vigo | O delegado especial do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades mantivo un encontro cos responsables da Fundación Istituto Atlántico do Seguro (INADE), José Ramón Santamaría e Adolfo Campos, presidente e director respectivamente,  para analizar a posibilidade de que o tecido empresarial galego implante políticas formais de xestión de riscos no seu funcionamento e apuntaron recomendacións como a creación dun Observatorio de Riscos Empresariais.

Durante o encontro, a Zona Franca de Vigo comprometeuse a colaborar na difusión do informe e a organizar nos próximos meses unha xornada informativa dirixida ás empresas instaladas nos parques do Consorcio. Con carácter quinquenal e en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación INADE elabora o estudo de investigación “A xestión de risco no sector empresarial galego”.

A Fundación INADE nace en 2009 co obxectivo de fomentar o coñecemento dos riscos empresariais en todas as súas fases: análise, avaliación, prevención e transferencia. Cinco anos máis tarde, a entidade asinou un convenio coa USC que lle permite elaborar cada cinco anos un estudo profundo da situación; o de 2026 supón la terceira edición.

Para o delegado do Estado na Zona Franca, “o traballo que desenvolve INADE é unha ferramenta para que o tecido empresarial tome conciencia da importancia de identificar e previr riscos e para o Consorcio, con máis de 700 empresas instaladas, coñecer estes datos é clave para apoialas”.

A terceira edición do estudo “A xestión do risco no sector empresarial galego”, elaborado polos profesores Luis Otero e Pablo Durán, deixa ver, respecto de la última investigación de 2021, un escaso crecemento de las políticas formais de xestión de riscos empresariais dentro das organizacións, presentes soamente no 13% do tecido produtivo. Entre as principais causas da mortalidade das empresas galegas atópase a xestión insuficiente dos riscos, unha categoría que inclúe desde un incendio nas instalacións ata la non adaptación a un cambio tecnolóxico.

Durante o encontro na sede de Zona Franca, expúxose a organización dunha xornada conxunta para presentar as conclusións e recomendacións do informe ás empresas instaladas nos parques do Consorcio. Desde a Fundación INADE sinalan que só o 16,8% das empresas conta cun xerente de riscos, un perfil especializado e difícil de integrar no caso das PEMES, pero que a investigación considera clave para anticiparse aos riscos.

Outras recomendacións do estudo son a creación dun Observatorio de Riscos e incrementar a presenza desta disciplina na formación académica. Tanto o delegado do Estado na Zona Franca, como os responsables da Fundación INADE coinciden en que, nunha contorna marcada por tensións xeopolíticas, transformacións tecnolóxicas de calado e outras incertezas emerxentes, saber xestionar este tema é fundamental para a competitividade e a sustentabilidade das empresas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.