Xosé Merelles destaca o crecemento do Camiño de Inverno

Medra este ano o 14% e o compromiso da Xunta de Galicia na súa consolidación

A Rúa | Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, participou na xornada conmemorativa do X aniversario da oficialización do Camiño de Inverno, celebrada no Centro Cultural Avenida, da Rúa. No acto inaugural, Xosé Merelles puxo en valor o traballo desenvolvido ao longo destes anos polas asociacións, os concellos e os colectivos sociais para recuperar e impulsar o Camiño de Inverno.

O director de Turismo de Galicia destacou tamén a evolución positiva desta ruta, que pasou dos 287 peregrinos rexistrados en 2016 aos 2.758 de 2025. No que vai de 2026, xa se contabilizaron 2.923 peregrinos, un 14% máis que no mesmo período do ano anterior. Ademais, salientou a crecente proxección internacional do itinerario, xa que o 39% dos peregrinos rexistrados este ano proceden doutros países.

Xosé Merelles incidiu no potencial do Camiño de Inverno como ferramenta de dinamización turística, económica e social dos territorios polos que transcorre. Ademais, reafirmou o compromiso da Xunta na consolidación desta ruta, que se materializa en distintas actuacións para mellorar as infraestruturas e os servizos aos peregrinos.

De cara aos próximos anos, o director de Turismo de Galicia sinalou que o reto pasa por seguir aumentando o coñecemento e a proxección do Camiño de Inverno, mellorar os seus servizos e converter o incremento de peregrinos en novas oportunidades para os territorios polos que discorre. Finalmente, Xosé Merelles felicitou todas as persoas e entidades que fixeron posible esta década de traballo e reiterou o apoio de Turismo de Galicia ás iniciativas destinadas a impulsar esta ruta xacobea, destacando a oportunidade que se presenta para seguir avanzando neste obxectivo coa celebración do vindeiro Xacobeo 2027.

As xornadas Camiño de inverno X anos continuarán este domingo en Lalín, con dúas mesas redondas que levan por título’ Camiño, historia, relixión e viticultura’ e ‘Dez anos do Camiño de Inverno: balance, territorio e futuro’. Ao longo destes dous días, os asistentes poderán visitar distintos recursos xacobeos situados no percorrido desta ruta.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.