
Oviedo | O concelleiro de Turismo, Hostalería e Congresos, Alfredo García Quintana, e o concelleiro de Educación e Seguridade Cidadá, José Ramón Prado, acudiron o sábado día 7 á praza de Alfonso II o Casto, acompañados polo presidente da Asociación Día de Galicia en Asturias, Manuel Fernández Quevedo, á saída do roteiro moteiro que percorrerá parte do histórico itinerario xacobeo ata chegar a Santiago de Compostela, o domingo día 8.
A iniciativa, que “pon en valor o Camiño Primitivo e contribúe a dar a coñecer Oviedo como orixe do Camino”, como sinalou o edil de Turismo, nace co obxectivo de promocionar este Camiño Primitivo, destacando a súa historia, o seu atractivo turístico e a súa importancia como elemento de unión entre Asturias e Galicia. Unha proposta que combina o mundo do motor coa cultura, o patrimonio e a tradición xacobea.

Desde a Asociación Día de Galicia en Asturias tamén se persegue esta promoción, “Galicia e Asturias son dúas comunidades irmás, que as une, entre outras cousas, o Camiño Primitivo. Por iso, que mellor que facer este roteiro, estando, ademais, na véspera do ano Xacobeo”, subliñou o seu presidente o ourensán, Manuel Fernández Quevedo.
Minutos antes da saída, que reuniu a decenas de moteiros na praza de Alfonso II o Casto, don Benito Gallego, deán da Catedral de Oviedo, bendixo as motos antes de emprender o roteiro, duns 320 quilómetros, aproximadamente, que inclúe paradas en Salas, Fonsagrada e Lugo ata chegar a Santiago de Compostela. Nas fotos, a saída desde a Praza da Catedral de Oviedo e na Casa Consistorial de Lugo recibidos pola alcaldesa Elena Candia.




