
Ourense | O primeiro andar do edificio nobre da Deputación de Ourense acolle unha exposición da artista Isabell Seidel, que achega unha mirada á paisaxe a través da pintura ao aire libre. O presidente provincial, Luis Menor, visitou xunto a artista esta mostra, que forma parte da iniciativa posta en marcha neste mandato para abrir este espazo á creación artística e dar visibilidade e apoio a artistas ourensáns ou afincados na provincia.
Nacida en Lübeck (Alemaña) en 1980, Seidel é unha artista visual autodidacta especializada na pintura plein air, tanto en acuarela como en técnica mixta. O seu traballo parte da observación directa da contorna e das sensacións que evocan os lugares, cunha linguaxe caracterizada polas pinceladas vigorosas e as cores vibrantes. Na súa proposta, a pintura serve para explorar a relación entre a natureza e a pegada humana. Máis alá da representación dunha paisaxe, a artista busca trasladar á obra a experiencia de estar nun lugar e captar un instante irrepetible. O debuxo e a experimentación no caderno constitúen a base deste proceso creativo.
A súa traxectoria abrangue tamén a ilustración, os proxectos editoriais e o deseño de estampados para coleccións de moda, con traballos para firmas e institucións como Roberto Verino, Carolina Herrera e a Universidade de Vigo. Esta actividade compleméntase coa docencia e coa participación en cursos, obradoiros e encontros artísticos nacionais e internacionais.
Fundadora da rama galega do colectivo Urban Sketchers, Seidel foi durante anos correspondente e administradora de Urban Sketchers Spain. A súa obra recibiu numerosos recoñecementos en certames de pintura, entre eles primeiros premios en Cedeira, Culleredo, Rábade, O Porriño e Noia, así como nas Balconadas de Betanzos de 2026. A exposición dá continuidade á programación do primeiro andar do edificio nobre como espazo de encontro entre a actividade da institución provincial e a creación artística vinculada a Ourense.




