Noa Presas exemplifica co río Barbaña o abandono das forzas estatais para con Ourense

O BN defenderá un saneamento integral, un plan de rexeneración e a transferencia das competencias da xestión dos ríos

Ourense | A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, denuncia tres décadas de abandono e incumprimentos por parte dos sucesivos goberno de PP e PSOE á fronte do Goberno do Estado e asegura que a organización nacionalista traballará coa primeira acta que conseguirá por Ourense para rematar con este abandono que sofren as e os ourensáns.

“O río Barbaña é un do exemplos do abandono que sofre Ourense por parte dos gobernos do Partido Popular e do Partido Socialista. Tres décadas despois de que se declarasen de interese xeral as obras de saneamento dos ríos galegos, a súa recuperación integral continúa pendente” afirma Presas, sinalando que a contaminación estase tamén a prolongar no tempo e con actuacións anecdóticas que acumulan atrasos e incumprimentos.

Pola contra, a cabeza de lista do BNG sitúa a recuperación do Barbaña entre as prioridades da organización nacionalista e defenderá ir “máis alá” das actuacións actualmente previstas. “Levamos demasiado tempo agardando por unha solución. Primeiro foi o PP e despois o PSOE pero os incumprimentos dos gobernos estatais teñen unha consecuencia común: o Barbaña continúa sen recuperarse e Ourense segue agardando” enfatiza.

“Mentres outras forzas políticas miran e miraron cara a outro lado, o BNG mantivo este problema na axenda política e institucional, tanto nas Cortes como noutras institucións. A presión do BNG foi determinante para desbloquear en 2026 un proxecto que chegaba despois de perder fondos europeos e de que caducase a anterior planificación” apunta.

De todos modos, engade Presas, o paso dado “non pode ser o punto final porque o proxecto que está enriba da mesa non resolve todo o problema”. Un BNG forte no Congreso, con representación por Ourense, “defenderá o saneamento integral de todo o Barbaña, incluíndo o tramo urbano; impulsará un plan director de rexeneración ambiental do río, que parta dunha diagnose complete da súa situación e estabeleza medidas concretas para restaurar as marxes; e marcar un horizonte concreto e claro que permita comprobar os avances”.

“A recuperación dun río require moito máis que construír unha depuradora: hai que actuar sobre todo o ecosistema, eliminar as fontes de contaminación e garantir que non se volvan repetir situacións como as que padeceu o Barbaña” explica Presas. Paralelamente a estas medidas que o BNG defenderá no Congreso, a cabeza de lista avanza que porá enriba da mesa a necesidade de que se transfiran as competencias da conca hidrográfica Miño-Sil. “É necesario que Galiza teña capacidade real para decidir sobre os seus ríos. A xestión da conca debe estar aquí, ao servizo das necesidades do territorio e da cidadanía” sentenza.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.