
Ponteareas | O Concello de Ponteareas deu por clausurada oficial e exitosamente a terceira edición do programa Fórmate na Empresa 2026, unha iniciativa subvencionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. Ao acto de clausura asistiu María Isabel Couselo, directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Pontevedra, acompañando á alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira de Emprego, Silvia Fernández.
Nesta edición participaron doce persoas (6 mozos e 6 mozas) con diversos perfís profesionais, procedentes tanto de Ponteareas coma de municipios limítrofes. A gran finalidade deste proxecto, destinado a mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, saldouse cun balance moi positivo: a inserción laboral inmediata de tres das persoas participantes ao remate do seu período formativo: unha deseñadora de interiores en Slab arquitectura de interiores, SL; un mozo de almacén en Algazara Home, SL, e unha praza de auxiliar administrativo no Concello de Salvaterra de Miño.
O programa articulouse en torno a tres piares, como foron as estadías formativas, xa que durante catro meses os mozos e mozas integráronse no tecido empresarial local.; a formación en competencias persoais e intelixencia artificial durante 58 horas, e un itinerario de orientación personalizado. O Concello reiterou o seu agradecemento ás firmas colaboradoras de diversos sectores estratéxicos (forestal, téxtil, agroalimentario, lecer e tecnoloxías da información): Silvareira Servizos Forestais, Centro de Negocios Asergalicia, Consultoría Condado Paradanta, Algazara Home, Uniformes Elena Pérez, Ecocelta Galicia, Slab arquitectura de interiores e Fashion Forever-Liu Bazar, ademais do propio Concello de Ponteareas.
Consolidación dun proxecto de futuro
María Isabel Couselo, directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en Pontevedra, destacou a aposta de Ponteareas “por este proxecto, sendo o único concello de Galicia que foi beneficiario nas tres convocatorias postas en marcha”, ao tempo que destacou o compromiso da Xunta “por seguir apoiando iniciativas que unan o talento da nosa mocidade co tecido produtivo”.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosou o seu orgullo por participar por terceiro ano consecutivo nesta iniciativa, subliñando que “encaixa perfectamente coa visión de futuro que temos para Ponteareas, unha vila na que a mocidade poida estudar, emprender, traballar e construír o seu proxecto de vida sen verse obrigada a marchar por falta de oportunidades”. Pola súa banda, a concelleira de Emprego, Silvia Fernández Táboas, destacou que ser o único concello de Galicia beneficiario das tres edicións do programa “amosa que estamos ante un gobierno disposto a ofrecer oportunidades de inserción laboral a nosa cidadanía”, ao tempo que engadiu que “é o resultado do traballo realizado durante estes anos e da confianza depositada por todas as entidades que colaboran”.
Con este peche, Ponteareas demostra a súa capacidade para impulsar programas útiles e eficaces en estreita colaboración coa Xunta de Galicia e co empresariado local, converténdose nun referente da formación e retención do talento xuvenil en Galicia.




