
Tras un intenso ano de actividades, este 30 de novembro celébrase a conmemoración do 800 aniversario da Consagración da Catedral de Tui. Con motivo desta efemérede falamos co Alcalde Enrique Cabaleiro e Monseñor Antonio José Valín Valdés, Bispo Diocesano de Tui-Vigo.

“Imos prolongar esta efemérede co Xacobeo 2027”
Enrique Cabaleiro | Alcalde de Tui
Clausura dos actos en conmemoración do 800 aniversario da Consagración da Catedral. Que balance pode comentarnos sobre esta efeméride e que significado ten para Tui?
O balance é moi positivo e satisfactorio porque significou dar a coñecer e por en valor un elemento patrimonial único e de captación de turismo e de visitantes. Tanto é así que imos a prolongar esta efeméride un ano mais no marco do Xacobeo 2027. Debo salientar que estou decepcionado co comportamento tanto da Xunta de Galicia como da Deputación de Pontevedra. Non aportaron nin financiaron absolutamente nada ante os eventos realizados, algo difícil de entender porque Tui é o segundo lugar de partida de peregrinación a Compostela. Durante este 2026 non houbo en Tui ningún acto programado pola Oficina do Xacobeo.
“Estou decepcionado co comportamento tanto da Xunta de Galicia como da Deputación de Pontevedra. Non aportaron nin financiaron absolutamente nada”
Están confirmadas a asistencia dos Reis de España e do presidente da República Portuguesa?
Non. Confirmaron que formaban parte da presidencia do Comité de Honra pero Casa Real xa trasladou que non ían estar físicamente. No caso da presidencia portuguesa aínda non sabemos se o presidente pode estar para a clausura ou para a ampliación desta celebración.
Ante a afluencia de peregrinos, Tui consolídase como o punto estratéxico do Camiño Portugués a Santiago. Cómo está repercutindo este fenómeno no tecido socioeconómico local?
Ten unha relevancia cada vez máis importante. Está crecendo o número de peregrinos, este ano creo superaremos ampliamente os 100.000. O seu impacto na economía local é cada vez maior principalmente en servizos e apertura de novos alonxamentos, negocios, hostais e pisos turísticos. Estamos traballando nunha ordenanza de regulación deses pisos principalmente polo aumento da rehabilitación para vivenda turística no casco histórico, o cal non deixa de ser positivo. Noutros ámbitos urbanos si que temos que regular porque tamén está afectando nos alugueres de vivenda.
O Concello está moi comprometido co tema da memoria histórica. Cómo está observando este compromiso o tecido asociativo e cultural? O Concello vai ir a mais neste tema?
Elevamos ante a Secretaría de Estado de Memoria Democrática a declaración de petición de memoria histórica para cinco lugares: o Cuartel da Garda Civil; a sede da Comandancia Naval; a Alameda; a antiga Cárcere; e onde se erixiu o Monumento aos Mártires de Sobredo. Pasou máis dun ano desa petición sen resolverse. Coas eleccións á vista preocúpanos que un potencial cambio de goberno bote abaixo esta declaración.

Precisamente estamos ante unha nova convocatoria electoral este 29N. Que expectativas ten?
Teño esperanzas de que o bloque de esquerdas consiga os escanos suficientes para poder manter o goberno. A alternativa do PP e VOX sería letal para o conxunto dos dereitos e liberdades, principalmente para o estado de benestar, sanidade, educación, pensións, que foron consolidándose nos últimos anos.
Ten falado co presidente de goberno Pedro Sánchez? Ten previsto vir por Galicia?
Descoñezo cales son as previsións en canto á programación electoral. Non estaría demais que se achegase ao territorio porque temos moitos proxectos pendentes por parte do goberno e somos conscientes de que se verían afectados cun cambio de goberno.
Municipais 2027. Está confirmado que se presenta como candidato?
Si. Teño a firme convicción de voltar a presentarme. Creo que a pesar das vicisitudes durante este mandato temos realizado unha xestión importante e relevante en tódolos ámbitos.
“Teño a firme convicción de voltar a presentarme nas municipais 2027”
Cales son as prioridades para Tui ante este novo reto electoral?
Destaco a humanización urbana do casco histórico, algo fundamental; investimentos en educación e cultura, mellora de servizos públicos e principalmente o tema das prazas de aparcamento, cun déficit importante en determinadas horas. Temos apalabrado co goberno de España a construción dun parking soterrado que financiaría a Zona Franca, que é o proxecto principal sobre o que debe xirar o resto das actuacións.
Cómo visualiza o Tui do futuro?
Ten que ser unha cidade onde o patrimonio histórico e o coidado do medio natural deben xogar un papel relevante para o seu desenvolvemento social e económico, con servizos públicos de excelencia. Temos que apostar por unha cidade máis de calidade que de cantidade.
“Tui debe ser unha cidade de excelencia, con máis calidade que cantidade”
A AECT entre Tui e Valença, vai adiante?
Nestes momentos somos unha Eurocidade, a primeira do territorio miñoto, pero insuficiente para amparar tódolos proxectos de cooperación transfronteiriza que temos previsto. Por iso consideramos converternos nunha AECT autónoma e independente con capacidade para levar a cabo eses proxectos.

“Os 800 anos da consagración da Catedral pon a Tui no centro do Ano Xubilar”
Mons. Antonio José Valín Valdés | Bispo Diocesano de Tui-Vigo
Estamos na conmemoración do 800 aniversario da consagración da Catedral. Qué significado ten para Tui, Galicia e o mundo cristiá?
Esta celebración pon a Tui no centro durante todo o Ano Xubilar: visitas, encontros, xornadas, eventos… que atraen persoas que coñecen a cidade e a contorna, que se atopan coa historia relixiosa e humana dunha comunidade e que se aproximan á cultura dunha zona (lusoespañola) cunha lingua, idiosincrasia concreta. Desde Tui, a nivel relixioso, ao estar a sede catedralicia, todas as referencias diocesanas nacen aí e alí volven: é a Igrexa nai, que acolle as grandes celebracións diocesanas, que é vínculo de pertenza e de unión das parroquias, que manifesta a comunión entre as diversas comunidades parroquiais da diócese, que acolle a peregrinos cara a Santiago, que garda a historia de grandes figuras-testemuñas da fe de todo un pobo e diócese.
A Catedral fala de fe dun pobo, da historia que o foi configurando en torno a este edificio; de cultura que se manifesta na súa arquitectura, escultura, música; de configuración urbana en torno ao Templo catedralicio e ao río Miño. O que é a diócese de Tui-Vigo e a cidade de Tui non se entenderían sen esa referencia a súa Catedral; tampouco o seu futuro.

En canto ás actividades e difusión, qué balance pode comentarnos sobre esta efeméride?
Durante todo este ano, a Catedral acolleu un bo número de actos, actividades, que non só foron dentro dos muros catedralicios senón tamén fora. Hai que sinalar, con moito agradecemento, a colaboración do Concello de Tui, que estivo aí desde o inicio, cun desplegue importante de actos conmemorativos: concertos, exposicións. Debemos tamén destacar as peregrinacións que se organizaron desde os distintos arciprestados, parroquias e dioceses. E tamén o día a día do templo catedralicio: os muros da Catedral acollen a moitas persoas que viven e celebran aquí a súa fe.
“A Catedral fala de fe dun pobo, da historia que o foi configurando en torno a este edificio”
A Catedral ten unha gran riqueza de patrimonio histórico. Cales destacaría como os máis importantes?
É difícil destacar unha concreta, xa que é de gran riqueza e beleza. Destacaría o claustro que é un lugar incomparable de beleza e de paz; a capela das reliquias onde se custodian os restos do noso patrón, San Telmo, xunto con outros moitos, que nos fala da herdanza recibida e do compromiso de futuro; a sala capitular primitiva na que sintes verdadeiramente o peso e paso da historia, e a contorna paisaxística onde está situada a Catedral, que se pode disfrutar desde o seu miradoiro, e que nos fala da grandeza da creación e da Casa común. Tamén a praza de san Fernando que nos abre á fachada da Catedral é o outro lugar fantástico e chamativo, que nos fala de arte, de configuración da cidade, de entrada á trascendencia.
Vivimos momentos convulsos de conflitos e tensións permanentes ante cambios incertos. Tomando en conta que Vde. é un representante da fe, qué mensaxe pode dar coincidindo con esta efeméride histórica?
O papa Francisco, nesas frases tan expresivas que tiña, dicíanos que non nos deixáramos roubar a esperanza. E creo que esta é unha mensaxe actual e ben urxente. Ante os cambios e conflitos que nos rodean, é fácil que a desesperanza, desilusión, a crítica e a crispación xurdan. Creo que desde unha óptica evanxélica, non podemos deixarnos gañar pola desesperanza; todo o contrario. Desde o evanxeo, a esperanza ten un nome concreto: Xesús, e a súa palabra e vida son esperanzadoras sempre. Xunto á esperanza, creo que temos que facer todo o posible por fixarnos máis naquilo que nos une, que no que nos separa. A crispación, ás veces, é moi grande, pero non podemos ver ao outro como un competidor, como alguén contrario.
“Hai que sinalar, con moito agradecemento, a colaboración do Concello de Tui”





