
Pontevedra | As Asembleas Abertas do Ensino Público, consolidadas como espazo de organización democrático e de participación directa do profesorado, reuníronse onte no IES Luis Seoane de Pontevedra para debater como continuar o conflito en setembro e decidir os seguintes pasos.
Este curso escolar, marcado polo xurdimento do movemento asembleario e polas mobilizacións da comunidade educativa en defensa do ensino público, rematou coa publicación das instruccións para o vindeiro curso por parte da Consellería. A súa aplicación ‘pode supoñer a perda de medidas de atención á diversidade se non vén acompañada dun aumento de profesorado’, afirma unha docente do Condado. Consideran que a situación non só non mellora, nin se dá resposta ás reivindicacións educativas e laborais, senón que pode ser un novo paso atrás.
Por isto, e con reivindicacións que coinciden coas que se están formulando noutros territorios do Estado (redución das ratios, aumento de persoal, máis recursos para a atención á diversidade, diminución das horas lectivas, melloras salariais ou racionalización da carga burocrática), onte establecéronse as liñas de acción estratéxica para o vindeiro curso, comezando por unha consulta en setembro a todo o profesorado para decidir un calendario de accións. ‘Despois de folgas dun día, é necesario ir máis alá, ter unha folla de ruta’. Ademais, poñen o foco na necesidade de aglutinar forzas, da participación directa do profesorado nas decisións e de contar con todas as etapas educativas, como o ensino 0-3.

Sobre o inicio do vindeiro curso, púxose o foco nos primeiros días de setembro, onde aseguran que estarán alerta para realizar as accións necesarias en caso de que se perdan dereitos e recursos nalgún centro. ‘Se eliminan reforzos ou agrupamentos, pararemos o centro, ou teremos que ir máis alá como en Cataluña’, sinala unha profesora do Morrazo. Rematou a asemblea cun chamamento á defensa dun ensino público de calidade e unhas condicións laborais dignas que, como avanzan, ‘volverá en setembro aos centros e ás rúas de toda Galicia’.
Para máis información: asembleasensino@gmail.com




