
A Caniza | A Igrexa de Valeixe acolleu este 20 de xullo o III Concerto de Música Clásica organizado polo Concello da Caniza. Unha cita xa consolidada na programación cultural municipal que reuniu a máis de 150 persoas e volveu destacar pola elevada calidade artística dos seus intérpretes.
O recital contou coa actuación do prestixioso grupo Ars Bohemia, que ofreceu unha brillante interpretación nun dos espazos patrimoniais máis singulares do municipio. A excepcional acústica do templo contribuíu a crear unha atmosfera única que permitiu ao público gozar dun concerto de exquisito nivel musical.
A agrupación estivo integrada polo violinista e director Serghei Maximov, a violonchelista Masha Maximov, a pianista e compositora Katerina Linke e a recoñecida soprano galega Beatriz Riobó.
Os catro artistas demostraron a súa ampla experiencia e talento interpretativo cun repertorio que viaxou por diferentes épocas e estilos da música clásica a través de obras de compositores como Tchaikovsky, Schubert, Bizet e Vincenzo Di Chiara. Entre as pezas interpretadas destacaron Nocturno en re menor, The Salley Gardens, Ständchen (Serenata), Havanaise (Habanera), Adagio, Salut d’Amour, a Ariette de Romeo y Julieta e a popular canción napolitana La Spagnola, que emocionaron ao público e puxeron de manifesto a excelencia dos intérpretes.
O Alcalde Luis Piña, destacou a importancia de continuar impulsando actividades culturais de calidade que permitan achegar a música clásica á veciñanza e contribuír á dinamización dos espazos patrimoniais do municipio. Así mesmo, agradeceu a colaboración do párroco de Santa Cristina de Valeixe, José María Vázquez, e da presidenta da Asociación Cultural Ciclo de Música de Barcia de Mera, Nieves García-Soto, cuxa implicación resultou fundamental para a celebración desta terceira edición.
O éxito de asistencia e a excelente acollida obtida consolidan este concerto como unha das citas musicais máis destacadas da programación cultural estival da Caniza reafirmando o compromiso do Concello coa promoción da cultura e coa posta en valor do patrimonio local.




