Un Verán Cultural con música, cinema, danza e gastronomía en Tui

A programación mestura a aposta polo talento local e o internacional

Tui | O Concello de Tui pon en marcha o Verán Cultural 2026, cunha programación que se celebrará do 3 de xullo ao 22 de agosto. Abarca festivais de música folk e rock, cinema ao aire libre, danza, gastronomía popular, bandas de música e eventos internacionais. Con máis de vinte actividades, esta edición consolida Tui como un referente cultural da provincia de Pontevedra e da Eurocidade Tui-Valença.

O Festival da Cultura Tradicional e Folk de Tui abre o verán durante tres días con concertos, exposicións e actividades para todos os públicos. O venres 3 inaugúrase a exposición “Abrindo as Huchas da Bisbarra de Tui” no Espazo Sociocultural, acompañada dun concerto didáctico a cargo de Luis Prego. O sábado 4 celebrarase o XI Certame de Gaita e Tamboril xunto ao Concerto de Xisco Feijoo na Praza San Fernando. O domingo 5 terá lugar a clausura do festival o XI Día da Muíñeira de Tui no Paseo da Corredoira. O cinema de verán chegará por vez primeira á Praza de Frómista tras a recente remodelación do espazo. Con 150 prazas e proxeccións ás 22.30 h, o ciclo trae tres títulos para todos os públicos: o 3 de xullo proxectarase Flow, película de animación recomendada para a infancia; o 10 de xullo chega Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo; e o venres 14 de agosto será a quenda Moon, mi amigo Panda.

O IKFEM, 14º Festival Tui-Valença volve converter a fronteira nun espazo de encontro cultural entre Galicia e Portugal. O xoves 16, Wöyza coa colaboración especial de Emmy Curl inaugura as noites na Alameda de Santo Domingo. O venres 17 será a quenda de António Zambujo con Uxía nas Cortinas de São Francisco de Valença. O sábado 18 celebrarase a Ponte Creativa & Enogastronómica con 30 expositores de arte, artesanía, xoiaría e gastronomía e un programa de concertos que se estende de mediodía á medianoite, con artistas como Hall Still Echoes, Sheila Patricia, Julián Maeso, Monçao Brass, Best Boy, Maria João Soares e La MMarca, gañador do concurso Novas Ondas Sonoras 2025, e actuación de Señora Dj. O domingo 19, Borja Niso interpreta Ludovico Einaudi Esencial con Rosa Cedrón e o Coro Infantil na Alameda, e previamente na Catedral terá lugar o Concerto Homenaxe polo 800 Aniversario da Catedral de Tui a cargo de Elsa Roldán e David Maceira. Toda a programación está xa dispoñible en ikfem.com. Tui, como porta de entrada do Camiño de Santiago a Galicia, reivindica tamén no eido cultural este feito, e ao abeiro do programa Cultura no Camiño haberá dous concertos.

O sábado 25 de xullo será o dúo DOA, formado por Susana de Lorenzo e Xoán Piñón, con Fran Castro como artista invitado, na Igrexa San Domingos. O domingo 26, a Compañía Marta Alonso Tejada presenta SOFÁ na Alameda de San Domingos. É un espectáculo de danza-teatro-circo con música en directo.

O Parque do Laxal en Rebordáns volverá acoller unha nova edición da Noite Internacional do Miño o martes 28 de xullo. Cunha longa traxectoria este festival presentará sobre o escenario o folclore de Indonesia, Francia, Perú e Letonia.

Agosto abrirase coa celebración de Música no Claustro, cunha programación que se dará a coñecer proximamente. A gastronomía será protagonista na rúa Compostela da man das asociacións culturais tudenses o sábado 15 de agosto na XIV Festa do Miño. Unha cita cun marcado carácter festivo e de encontro no que a música estará moi presente. O venres 21 de agosto no Paseo Fluvial celebrarase a trixésima primeira edición do Festival de Bandas de Música de Tui, coas actuacións da Banda de Música de Salcedo e da Banda de Música Popular de Tui, organizadora do evento. E pechando o mes de agosto chegará a sexta edición do Rocha Folk cunha programación a celebrar o venres 21 e o sábado 22 de agosto, na ribeira de Caldelas. O Verán Cultural de Tui 2026 é unha aposta do Concello de Tui polo talento local e internacional, pola convivencia entre culturas e pola proxección da cidade como destino turístico e cultural de referencia no eixo Galicia–Portugal.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.