65.000€ para a ampliación da rede de saneamento no Covelo

En Carballeda e O Castro en Covelo, Costa, en Godóns; Santa Cruz en Santa Marina e A Margarida en Paraños

O Covelo | O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que veñen de rematar as obras do proxecto “ramais de saneamento en Maceira”. O goberno de Covelo continúa así na súa estratexia de mellora dos servizos básicos investindo, nesta nova obra, un total de 64.681€ que se suman aos tramos xa executados nos ramais de saneamento en Carballeda e O Castro en Covelo, Costa, en Godóns; Santa Cruz en Santa Marina e A Margarida en Paraños.

Ademais de ofrecer un servizo básico á cidadanía, as melloras na rede de saneamento son fundamentais para preservar e protexer o medio natural, un dos principais compromisos deste goberno, explica o alcalde.

Ao longo dos últimos meses executáronse cortes de pavimento, recheos, demolicións, canalizacións, colocación de tubaxe e aros de formigón, construción de pozos de rexistro, hormigonado, instalación de bombeo e limpeza de cunetas e arcéns, entre outros moitos traballos que permitiron a conexión ao saneamento a arredor de vinte fogares dos barrios de Trasfontán e Vales, en Maceira.

Pablo Castillo adianta que continuará traballando na mellora do servizo de saneamento ata chegar á totalidade de todos os barrios do concello.

As obras executáronse co apoio do Fondo de Compensanción Medioambiental da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia.

Espectáculos de Nadal
O Concello de Covelo celebrará o nadal con cine, patinaxe, premios e teatro, actividades deseñadas para todos os públicos. A Feira de Nadal no pavillón deu o pistoletazo de saída da programación de nadal que o Concello deseñou para estes días festivos.

Este domingo día 17 de decembro ás 17:30 horas o pavillón municipal abrirá as súas portas para festexar o Festival de Nadal do Club de Patinaxe Covelo. As patinadoras e patinadores agasallarán ao público un espectáculo no que a danza, a técnica e a habilidade serán as protagonistas. Totalmente gratis, club e deportistas exhibirán o mellor do seu traballo diario para que toda a cidadanía e visitantes gocen deste deporte.

O xoves día 21 chegará á praza Mestre Cerviño “Circo de Lume” un espectáculo de Asacocirco que terá lugar ás 19:30 horas. Circo de lume é un espectáculo de acción para todos os públicos. Consta de emocionantes números, que mesturan técnicas de danza con malabarismos, manipulación, pirofaxia, humor e trato directo co público. Interpretado por Joao Alvim e Miriam Crespo, malabaristas con máis de trece anos de adestramento, que fan que este espectáculo luza efectos visuais impresionantes e de maneira segura, dignificando asi o motivo dos actos con lume.

O domingo día 23 volverá a emoción ao auditorio municipal coa celebración da gala dos premios “Síntente Covelo”. Ás 18:30 horas o Concello recoñecerá ás persoas que polo seu empeño persoal na defensa e promocion da vila destacaron ao longo destes anos. A entrega de premios contará coa actuación musical de Uxía e Sérgio Tannus. O día 30 ás 19 horas haberá sesión de cine gratis no auditorio municipal para comezar xa a despedir o ano todas e todos xuntos.

A agardada cabalgata de Raíñas e Reis con percorrido por tódalas parroquias sairá ás 16 horas rumbo ás parroquias nas que os paxes e as Raíña e Reis repartirán sorpresas doces para chegar ás 18:30 horas ao centro urbano e visitar a residencia de maiores. Animación musical e a tradicional chocolatada con rosca para toda a veciñanza e visitantes que se acheguen ao pavillón municipal serán os pratos fortes da xornada do día 6 na que ademais haberá agasallos para as e os máis pequenos que poderán xogar nos inchables, na pista americana ou no tobogán de bolas.

A programación de nadal pecharaa a Coral Xuntanza de Covelo co seu concerto o día 7 no auditorio municipal ás 18 horas.

O goberno de Covelo, a través do seu alcalde, Pablo Castillo, convida a toda a veciñanza a participar nestes actos que permiten non só gozar da cultura e do lecer, tamén confraternizar e celebrar todos xuntos estas datas tan especiais.