42 nenos e nenas de Mos foron agasallados na campaña “Ningún neno sen Xoguete”

Grazas á iniciativa do Concello, EVD, Mos Axuda e AEMOS

Mos | Antes de Nadal o Concello de Mos, EVD (Escravas da Virxe Dolorosa), AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos) e Mos Axuda, comezaron unha campaña solidaria para reunir agasallos para os nenos e nenas do municipio.

Para facelo posible nacía neste 2023 o proxecto “Magos e Estrelas” de EVD Galicia, “un proxecto solidario que busca ofrecer, ás persoas que o necesitan, un agarimo en Reis, coa finalidade de que tódalas persoas se sentan alentadas e iluminadas nestas datas tan sinaladas” destacaban as súas promotoras.

OS MAGOS, as persoas solidarias que mercan un agasallo de Reis para unha nena ou neno e o depositan nun punto máxico. AS ESTRELAS, os nenos e nenas que escriben unha carta ao seu MAGO cun desexo.

A doazón de xoguetes por parte das usuarias de EVD efectuouse hoxe nas instalacións de MOSAXUDA, onde persoal voluntario da asociación recibiu os agasallos para 42 nenos e nenas.

Tamén estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, que agradeceron a colaboración veciñal e do tecido empresarial e social neste proxecto que tal como sinalaba a alcaldesa “naceu para facer realidade a maxia da noite de reis e o desexo dos máis cativos”.

Os cativos que verán cumprido o seu soño do Nadal grazas a este programa, pertencen a 20 familias usuarias dos Servizos Sociais do Concello de Mos.