25N en Mos: “Non son siluetas, son vítimas”

Acto central contra a violencia de xénero en Puxeiros

Mos | Esta mañá celebrouse o acto conmemorativo e lectura do manifesto contra a violencia de xénero ás 12h no Campo da Feira en Puxeiros, logrando gran afluencia da veciñanza para reivindicar a erradicación desta durísima lacra social.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, comezou a súa intervención lamentando o triste suceso da morte violenta dunha muller, localizada onte sen vida, no veciño Concello do Porriño. Ao tempo que manifestou a expresa condea destes feitos e expresou que “Mos e a súa veciñanza estamos consternados ante esta dura noticia”.

Durante o acto permaneceu instalada a carpa do CIM, Centro de Información á Muller de Mos, e, ao longo da Avenida de Puxeiros, están ubicadas nas xardineiras siluetas femininas cos nomes das vítimas deste ano. Diferentes asistentes ao encontro colleron unha rosa de Mos que, tras facer o pertinente percorrido, deixaron depositada en cada silueta.

Hai 52 siluetas cos seus respectivos nomes, en homenaxe ás 52 vítimas en España durante este ano.

Terminado o percorrido regresouse ao Campo da Feira para dar lectura ao manifesto conmemorativo. A encargada de lelo foi Marta Pereiro, Policía Local de Mos. No acto participaron como convidados diferentes colectivos culturais, Asociacións de Veciños, centros educativos, Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, etc.

Ademais o Concello de Mos tinguiu de morado a súa iluminación nocturna e todos edificios municipais, colexios e campos de fútbol municipais teñen instalada unha silueta dunha muller en representación dunha vítima co lema “non somos siluetas, somos vítimas”; lema empregado na campaña municipal do 25N deste ano.

Programación
O CIM de Mos, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da Violencia contra a muller, organiza este ano 2023, no que os casos no que vai de ano xa superan os casos de violencia do ano pasado, sendo una realidade durísima que nos ten que facer reflexionar sobre a importancia na prevención e sensibilización da sociedade contra a violencia machista, unhas accións e actividades neste eido dirixidas especialmente á xuventude e á poboación xeral.

As iniciativas organizadas son: unha chala informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual no IES de Mos, concedida pola Secretaría Xeral de Igualdade, que tivo lugar o 21 de novembro.

O acto de homenaxe e minuto de silencio en recordo das vítimas de violencia, hoxe en Puxeiros. O 29 de novembro, charla a cargo de Noelia Míguez para o alumnado do IES. O 1 de decembro, charla para familias de María Couso, Licenciada en Pedagoxía e fundadora de PlayFunLearning, ás 18:30h. E ademais no mes de decembro realizaranse obradoiros nos centros educativos.