24 localidades galegas únense en solidariedade con Palestina

Este luns 6 de Novembro para pedir o cese do fogo e Gaza

Santiago de Compostela | A Asociación Galico Árabe Jenin, BDS Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina convocan á sociedade galega a mobilizarse baixo o lema “Paremos o Xenocidio. Galiza con Palestina”.

O exemplo de activismo e solidariedade internacionalista na Galiza non ten igual, son xa máis de 40 concentracións nestas casi catro semanas e desta vez son 24 as vilas e cidades galegas que saen á rúa para exixir ao goberno español e á Unión Europea unha implicación real e decisións firmes para parar o exterminio do pobo palestino.

Van xa catro semanas de bombardeos indiscriminados contra poboación civil, contra barrios enteiros, contra campamentos de refuxiadas, contra escolas e a universidade de Gaza, contra hospitais e clínicas, contra os pasos fronteirizos para limitar a entrada de axuda humanitaria, contra os convois de ambulancias e as equipas de emerxencias, contra templos musulmáns e cristiáns, contra xornalistas claramente identificados e até contra instalacións da UNRWA.

Van xa catro semanas e as vítimas mortais do pobo irmán palestino chegan case ás 10.000, mentres as feridas e as mutiladas se multiplican. Son xa maís de 4.000 nenas e nenos asasinados ante a mirada impasible da comunidade internacional e os que sobreviven terán traumas e secuelas de por vida. A vulnerabilidade destas nenas e nenos é estrema.

O desprazamento forzoso da poboación é contrario ao Dereito Humanitario Internacional. Residentes do norte de Gaza vénse forzados a desprazarse cara ao sur tras as advertencias israelís, mais nin teñen vías seguras de transporte nen medios, van a pé baixo os ataques e bombardeos. No sur están desbordados: non hai refuxios, non entra suficiente axuda humanitaria, non hai auga e o inverno está ao chegar.

É a nosa responsabilidade como sociedade denunciar este xenocidio, denunciar aos seus cómplices, mudar o discurso mediático e forzar decisións políticas valentes que paren dunha vez este masacre.

Temos tamén a responsabilidade de actuar no día a día con accións de boicote, desinvestimentos e sancións a empresas e institución colaboradoras co estado xenocida de Israel, polo que chamamos tamén a colaborar nas accións e campañas deste movemento internacional.

Ponteareas xa se manifestara
Perante esta nova onda de atrocidades que está a cometer Israel sobre o pobo palestino (lévanse contabilizadas máis de 9.000 persoas asasinadas das cales case a metade son crianzas e 32.000 persoas feridas máis todas as desaparecidas baixo os escombros) a asociación Ponte Solidario Asociación convocou a veciñas e veciños do Condado a unha manifestación este sábado 4 de novembro ás 18:00h dende o concello de Ponteareas.