23ª edición da Mostra Artelemos en Monforte

Será do 4 ó 9 de agosto

Monforte de Lemos | O alcalde, José Tomé Roca, ven de anunciar que o Concello pechou o programa de actividades desta mostra consolidada que aposta pola artesanía de calidade e que se celebrará na rúa Cardenal do 4 ó 9 de agosto. Contará coa presencia de 30 artesáns, que son 7 máis que en 2022, o número máis alto de participantes dos últimos anos, procedentes da comarca de Lemos, así coma outros puntos de Galicia e de España.

O rexedor tamén salienta que “este ano o certame durará seis días, un día máis do habitual, pois nos últimos anos a duración era de cinco días, pero ante o éxito das vendas e o interese dos artesáns este ano dende o equipo de goberno decidimos ampliar os días de celebración do mesmo ata o mércores 9 de agosto, en vez de finalizar o martes como se facía nos últimos anos”.

Ademais do espazo expositivo destinado ós artesáns, contará cunha zona polivalente dende a que se levarán a cabo obradoiros para nenos e nenas, elaboración de produtos artesanais en directo, e mostras de oficios tradicionais.

“Con esta Mostra”, sinalou José Tomé “contribuímos a dinamización dos oficios e dos produtos artesanais locais, o que nos serve tamén para reforzar a promoción turística tanto de Monforte, como da comarca de Lemos e a Ribeira Sacra no seu conxunto”. O horario durante os 6 días que durará a XXIII Mostra Artelemos será, pola mañá, de 10 a 14 horas, e pola tarde de 18 a 22 horas. Ademais, o programa inclúe demostracións, que se desenvolverán de 12 a 14 horas, e de 19,00 a 21 horas.