12 de outubro, Día da Unidade Nacional Saharauí

| Fito Álvarez Tombo

O 12 de outubro de 1975, proclamábase a Unidade Nacional Saharauí na rexión de Ain Bentili. Día no que todos os saharauís anunciaron a súa adhesión aos principios da Fronte Polisario e a súa total disposición ao sacrificio e a loita armada pola liberación e a independencia do Sahara Occidental do colonialismo e posteriormente contra os ocupantes mauritanos e marroquís.

Corenta e sete anos despois este espírito de sacrificio e loita segue intacto.

Nesta data o pobo saharauí reivindica o seu lexítimo dereito a ser recoñecido como pobo e defender o seu territorio.

A día de hoxe Marrocos segue ocupando ilegalmente o Sahara Occidental e aplicando unha política de represión e tortura contra os lexítimos propietarios deste territorio. As forzas de represión marroquís continúan coa súa barbarie e escalada de opresión cara aos indefensos saharauís nas cidades ocupadas do Sahara Occidental mediante a represión, abuso, asedio, prohibición de circulación en completa liberdade e negación dos máis básicos dereitos.

Este xenocidio practicado por Marrocos contra a poboación saharauí realízase coa complicidade e o vergoñoso silencio de parte da comunidade internacional e principalmente os gobernos españois que seguen eludindo a súa responsabilidade moral e legal con este pobo, non podemos esquecer que España segue sendo a potencia administradora deste territorio. Non só non fai nada para impedir este crime senón que o financian asinando ilegais acordos económicos co ocupante marroquí e, concretamente España, incluso chega a reconocer publicamente o seu apoio as teses marrquís sobre a ocupación do territorio saharaui.

O pobo saharauí responde cunha inquebrantable e exemplar loita pacífica contra a brutalidade do ocupante. Mozos e maiores, mulleres e homes salguen ás rúas para protestar contra a ocupación, contra a violación de dereitos, contra as inxustas condicións ás que ven obrigados a vivir, contra o espolio dos seus recursos naturais. Agrúpanse en asociacións desde as que denuncian esta situación. Manteñen continuos contactos con organizacións internacionais de dereitos humanos. Todo isto sendo coñecedores da terribles consecuencia que estas actividades poden supor para as súas propias vidas, como vén demostrar o continuos encarceramento de activistas saharauís, que cumpren condenas en cárceres marroquís baixo as máis inhumanas condicións, contraviniendo as diferentes convencións que regulan o trato que se debe dar aos presos.

En palabras do xa falecido líder saharauí Mahfud Ali Beiba “Os saharauís utilizamos a forza do dereito e Marrocos ampárase no dereito á forza”

Nado no ano 1974, un ano antes da entrega do Sahara por parte de España a Marrocos. Activista polos dereitos do Pobo Saharaui, é membro de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Fundador e administrador da web www.porunsaharalibre.org