“100% Rías Baixas” presentouse en FITUR 2024

A Deputación destacou a diversidade e o atractivo dos recursos hídricos pontevedreses

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este mércores no stand que Turismo de Galicia ten en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra esta semana en Madrid, a nova campaña de promoción da provincia como destino turístico, que leva o título de 100 % Rías Baixas e xira arredor dun recurso tan abundante como saudable: a auga. Nunha intervención na que compartiu escenario co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o mandatario provincial quixo poñer en valor que “sen a auga non poderiamos proporcionar eses momentos 100% Rías Baixas ás persoas que nos visitan”.

Unha afirmación que argumentou cunha mostra das experiencias que oferta este destino. “Desfrutar dun descanso ao carón dun río no Camiño de Santiago é unha experiencia 100% Rías Baixas, pasalo día nunha das moitas praias fluviais da provincia é 100% Rías Baixas ou sentir os efectos das nosas augas termais é 100% Rías Baixas”, propuxo o presidente da Deputación, nunha conversa distendida entre ambos os dirixentes na que Rueda valorou o valor que os recursos hídricos da provincia aportan ao turismo.

A presentación da campaña, que este ano volveu ao stand de Turgalicia despois de dous anos de ausencia, estivo conducida pola xornalista pontevedresa Susana Pedreira, que convidou ao público asistente a trasladarse mentalmente desde Madrid ás Rías Baixas a través do son do fluír da auga. Un breve exercicio que a comunicadora, antes de dar paso ao primeiro dos vídeos promocionais, aproveitou para sinalar os beneficios para a saúde física e mental que ten este fluído vital, que pasan pola diminución da tensión muscular e a produción de serotonina, a hormona da felicidade.

Unha obra na que os protagonistas, ao entrar en contacto coa auga da provincia, senten unha emoción que os fai bailar. A peza audiovisual presenta tamén os incontables recursos hídricos que ten a provincia tanto no interior como na costa, que suman 25 ríos, sete lagos e lagoas, sete fervenzas e preto de 60 rutas de senderismo, ademais das tres rías que dan nome ás Rías Baixas.

Logo da proxección deste primeiro spot, no hai referencias á gran variedade de actividades acuáticas que se poden practicar na provincia, Luis López quixo poñer o foco noutra das grandes fortalezas das Rías Baixas como destino turístico, que é a práctica de deportes de aventura. “Eu destacaría o noso enorme potencial en deportes de aventura. Temos unhas 25 empresas locais que ofertan actividades como rafting, barranquismo, buceo, surf ou esquí acuático. Son oportunidades para vivir doutra maneira a natureza da provincia e tamén son exemplos de turismo responsable porque cando a natureza é o teu lugar de traballo, convérteste no gardián dese canón, dese río ou dese embalse”, remarcou o presidente provincial.

Unha riqueza coa que concorda o mandatario autonómico, convencido de que as Rías Baixas teñen unha vantaxe competitiva neste eido pola facilidade para practicar deporte, incluidos os acuáticos, na natureza ao longo de todo o ano. Unha proba disto está na prolífica canteira de deportistas de elite pontevedresas en disciplinas como o piragüismo ou a vela, de feito dúas prometedoras regatistas son protagonistas do vídeo: Natalia Domínguez e Irene Ameneiro, campioas de España sub 17 da clase 420.

Ademais da oferta deportiva, tanto Rueda como López subliñaron ao longo da súa conversa con Susana Pedreira outros moitos atractivos da provincia. Pasear pola ribeira dos ríos ou desfrutar dos xardíns do Castelo de Soutomaior son só unha mostra de experiencias coas que conectar coa natureza e decatarse da importancia da auga para nutrir as exuberantes paisaxes naturais da provincia. Referíndose á fortaleza de Soutomaior, a aproveitou o mandatario provincial para desvelar outro tesouro propio deste territorio. “A camelia é a flor das Rías Baixas por excelencia. Por iso, mañá pola mañá imos a ofrecer aquí, en Fitur, unha degustación de té de camelia da provincia que vai sorprender”, convidou López ao público coa intención de dar a coñecer a marca Té Areeiro, que se produce na Estación do Areeiro a partir da flor da camelia.

A presentación da campaña de promoción turística 100 % Rías Baixas concluíu co agasallo a todos os presentes dunha camiseta de baño, para que este ano se empapen da auga da provincia, e cunha nova peza audiovisual filmada a vista de paxaro que deixou abraiado a todo o público pola beleza natural do interior e da costa das Rías Baixas, da provincia de Pontevedra.