• Segue conectado
  • |

Xulio Ferreiro recibe ao presidente de Cabo Verde

Ferreiro destacou “os vínculos culturais comúns” marcados pola lusofonía, así como o traballo desenvolvido polo Fondo Galego de Cooperación

A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recibiu esta mañá no Pazo de María Pita ao presidente da República de Cabo Verde, Jorge Carlos Almeida de Fonseca, nun acto no que estivo acompañado por concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno, así como por membros da Corporación local. Na recepción tamén estiveron presentes o embaixador de Cabo Verde en España, Mario Ferreira López Camoes, e o cónsul de Cabo Verde en Galicia, Francisco Canabal.

O rexedor destacou os “vínculos comúns” entre A Coruña e Cabo Verde, “territorios marcados ambos polo mar”, motivo polo que amosou a disposición do Goberno local e do Concello da Coruña “a colaborar en iniciativas neste eido”. “O mar, para A Coruña e para Cabo Verde definiu para sempre a idiosincrasia das súas xentes así como a súa forma de ser. As ondas imprimiron o noso carácter de forma similar. En ambos territorios o mar é fonte de vida, de traballo e de ocio. É xerador económico, xa sexa a través da pesca ou do turismo. Neste punto, só podo manifestarlle que este Concello e este Goberno estará sempre aberto ao diálogo, así como a afondar en liñas de colaboración nesta materia”, apuntou.

 

“Desexamos para Cabo Verde o mesmo que desexamos para a nosa cidade, que o seu enorme patrimonio histórico e material, ligado dende sempre ao mar, permaneza sempre en mans da súa cidadanía”, explicou, ao tempo que aludiu ao enorme potencial en materia marítima de ambos territorios, feito incluso que levou ao Goberno coruñés a plantexar a creación nun futuro no peirao de San Diego, tras a desafección do terreo, “dun distrito do mar, centrado na economía azul”.

Por outro lado, o primeiro edil recordou a colaboración histórica da cidade da Coruña con Cabo Verde a través de entidades como o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade centrada na defensa e promoción dos dereitos humanos e na erradicación das desigualdades, e da que o Concello é membro, formando parte da súa executiva. “O Fondo Galego foi, de feito, a primeira entidade galega en establecer relacións institucionais con Cabo Verde xa no ano 2002.

Ao longo destes 15 anos ten apoiado máis de 30 proxectos para o fortalecemento das cámaras de comercio de Cabo Verde”, salientou. “Tamén a través da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos o Fondo colabora en 10 proxectos de cooperación en diversas zonas”, engadiu.

“A Coruña e Cabo Verde están lonxe, pero as aloumiña o mesmo mar Atlántico que imprime o carácter das súas xentes. Persoas boas e xenerosas, cun mesmo idioma e cos mesmos ancellos de superación e progreso”, explicou o alcalde, que destacou tamén o enorme potencial dos vínculos culturais conxuntos, marcados pola lusofonía.

O presidente da República de Cabo Verde firmou no Libro de Ouro da cidade e recibiu ademais, como regalo institucional, unha reprodución da Torre de Hércules en cerámica de Sargadelos.

Publicado o 28 Mar 2017 en A Coruña.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies