• Segue conectado
  • |

Tui prepárase para celebrar dez días de festa na honra a San Telmo

Do 31 de marzo ao 9 de abril a cidade acollerá actividades infantís, culturais, musicais, gastronómicas, deportivas

Tui | O sábado 31 de marzo, comezan oficialmente as festas na honra a San Pedro González Telmo que se van celebrar en Tui até o luns 9 de abril. O programa de festexos foi presentado esta mañá polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, xunto a todo o equipo de goberno, Antonio Castro, Estrella Carmen Muradas, Yovana Velázquez, Mila González, Andrés Urseira e Mª Jesús Silva.

As festas, segundo explicou o alcalde, Carlos Vázquez Padín, terán un carácter máis rueiro buscando aproveitar os lugares que ten a cidade para acoller distintos actos. Coma exemplo citou que a lectura do pregón, que marca o inicio oficial das festas, terá lugar este ano na praza de San Fernando, onde o mestre Antón Corral será o pregoeiro, e actuará a Banda de Gaitas Xarabal, que creou e dirixiu. Os xigantes e cabezudos desfilarán na primeira xornada festiva xunto ao grupo de gaitas O Mosteiro de Pexegueiro, e será acendido o alumeado das festas.

Salientou tamén Carlos Vázquez Padín, que as festas – que terán un orzamento superior aos 100 mil euros, pero inferior o das festas de 2017 – serán equilibradas e terán un toque diferenciador coa Festa do Meixón que se celebra en 5 restaurantes ata o 9 de abril.

O domingo 31 a charanga Cantos Somos, a Banda de Música Popular e a orquestra Miramar porán a nota musical, mentres que os grupos Lembranzas da Terra de Guillarei, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, baile e gaitas da da Asociación do Traxe Tradicional de Tui, Seixos Albos de Areas, Refaixos e Polainas de Baldráns, serán os protagonistas do Festival Folclórico que se celebrará no Teatro Municipal dende as 18h.

Actividades infantís

Do luns 2 ao venres 6 os nenos e nenas terán actividades específicas para eles, coas que se busca ofrecerlles unha alternativa de lecer durante as vacacións e escolares e contribuír á conciliación familiar. Así polas mañá de 11 a 13h na Área Panorámica haberá actividades infantís da man de Chirlomirlo, e pola tarde na Sala Félix Rodríguez ás 16h proxectarase unha película de cinema. En ambos casos non é preciso inscribirse previamente, son actividades con entrada libre até completar a capacidade do local.

X Semana de Teatro Afeccionado e música coral

A Semana de Teatro Afeccionado celebrará a súa décima edición do luns 2 ao sábado 7 no Teatro Municipal de Tui onde os grupos Mesturanzas de Areas, Santiago de Malvas, Aloia de Pazos de Reis, San Fins de Rebordáns, e Atalaia do Centro Sociomomunitario de Tui presentarán as súas últimas montaxes, en moitos casos en estrea. Amaias as tres corais de Tui do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo no centro Amoralia e nas Residencias San Telmo e Paz y Bien.

O deporte tamén será protagonista nas festas

O mércores 4 será o día do deporte con actividades de bádminton, judo, tenis de mesa e xadrez no Paseo da Corredoira de 11 a 14h, e con tenis de mesa ás 16 e patinaxe ás 18h amais de estar prevista unha exhibición de kaiak polo e de slalom na piscina municipal dende ás 16h e a partir das 20.30h haberá partidos exhibición de pádel nas pistas do Liceo Casino.

Amais coma novidade no ámbito deportivo a Carreira Popular de San Telmo celebrarase este ano o sábado 7 dende ás 11h no Paseo da Corredoira baixo a organización do Club Atletismo Tui, previamente ás 10h sairá tamén da Corredoira a Andaina Festas de San Telmo organizada polo club AndaTui. Se incorpora amais no programa a Epic Race de BTT que percorrerá o paseo fluvial dende ás 7 da madrugada do sábado ás 9 da mañá do domingo. A Copa San Telmo na que se enfrontará o Tyde F.C. e o S.C. Valenciano, e a III Clásica Manuel Alfaro de coches clásico son outras das actividades previstas para o sábado.

Mentres está pendente de confirmarse se finalmente o luns de San Telmo haberá partido de fútbol entre o R.C. Celta e un equipo de primeira división de Portugal, xa que polo momento non hai rival para o equipo vigués.

Broken Peach, la Edad del Oro del Pop Español, Kubo e Panorama

Son dous os concertos previstos este ano nas festas. Por unha banda o venres 6 ás 23.30h actuará no Paseo da Corredoira o grupo Broken Pech, unha banda de soul e rock formada en 2009 que presenta uns directos cunha coidada estética e un amplo repertorio. Previamente actuará dj Gramola.

O domingo 8 ás 22.30h chegará á rúa Compostela o concerto “La Edad del Oro del Pop Español” no que o público poderá disfrutar cos grandes clásicos do pop nacional da man de Pablo Perea (La Trampa), Alberto Comesaña (Amistades Peligrosas), Joaquín Padilla (Iguana Tango), e Chus Herranz.

A orquestra Kubo presentará en Tui o maior escenario de Europa de máis de 27 metros nunha actuación prevista na noite do sábado 7 na rúa Compostela. Neste mesmo lugar actuará o luns 9 a orquestra Panorama. O cartel das verbenas o completan Miramar, Solara, e Pontevedra. No eido musical se celebrará tamén o festival de Karaoke o venres dende as 19h no Paseo da Corredoira.

Food Trucks e Festa do Meixón na oferta gastronómica

Amais da Festa do Meixón que hoxe comeza en 5 restaurantes o venres 6 está previsto un mercado de Food Truck no Paseo da Corredoira no que o público que se achegue poderá degustar distintas variedades gastronómicas.

O luns 9 – Día de San Telmo

As festas na honra a San Telmo pecharanse o luns 9 de abril, xornada na que dende primeira hora se celebrará a Feira Cabalar en San Bartolomé, onde amais da compra venda de gando tamén haberá distintas exhibicións previstas.

A charanga Cantos Somos e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, serán as encargadas da música na última xornada de festa, onde tamén estará presente a Banda de Guerra da Brilat. Os actos relixiosos comezarán xa pola mañá coa misa na honra a San Telmo e a procesión pola Coronilla, e pecharanse ás 21h coa solemne procesión que percorrerá as principais rúas da cidade. A tirada de fogos de artificio marcará o peche das festas.

Publicado o 25 Mar 2018 en Axenda, Tui, Turismo.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies