• Segue conectado
  • |

Sen audiovisual non hai País.

Cadernos da viaxe.
Carlos Ares, Presidente da Academia Galega do Audiovisual, ven de definilo moi a xeito no acto da entrega dos premios Mestre Mateo da Academia: “sen cultura non existen os países e sen audiovisual non hai cultura”. Velaí que non existirá país sen o audiovisual galego. A forza da nosa identidade e mesmo parte da nosa prosperidade dependerá de xeito directo e substancial da saúde cultural e económica do sector audiovisual galego.

Ares remata un mandato de catro anos que se traduciu nun grande incremento do número de persoas académicas, das actividades da propia Academia e de actuacións formativas nun sector xa caracterizado pola alta calidade técnica e profesional da súa xente. Foi, tamèn, un cuatrienio sinalado pola aposta pola igualdade. Canto aos productos audiovisuais, aumentou substancialmente a produción de longametraxes en galego, a súa variedade e máis a participación de mulleres como xefas de equipa.

As longametraxes máis agasalladas (“A sombra da lei”, con dez premios, entre eles os da mellor película e director e “Trote“, con cinco agasallos, salientando o acadado por María Vázquez como protagonista principal feminina) definen precisamente dúas liñas de produción distintas no audiovisual galego. Por unha banda a grande coprodución industrial coordinada por unha produtora galega (Vaca Films), con actor protagonista galego (Luis Tosar) e director galego (Dani de la Torre), contando en castelán un relato do pistolerismo barcelonés dos anos 20 do século XX. Pola outra a ópera prima nada convencional dun director (Xacio Baño), aliñado na corrente do “novo cinema galego”, contando en galego unha historia desenvolvida no noso rural que, porén, é universal. Un film con coprodución lituana que trunfou nos festivais de Locarno e Donostia.

Pertencen longametraxes como “A sombra da lei” ao audiovisual galego? A resposta só pode ser afirmativa, xa que foi ideada e financiada por unha empresa galega, dirixida por galego, montada polo galego Jorge Coira, cunhan directora de produción galega (María Liaño), actor protagonista galego e con galegos nos diversos traballos técnicos. Mais nesta caste de productos constitúe función esencial da axencia pública AGADIC a de garantir a produción de copias en galego e a súa distribución nun mercado interno que non discrimina negativamente os productos na nosa lingua, adoito vetados, porén, polos prexuizos das distribuidoras.

O audiovisual galego é parte esencial da nosa cultura, mais tamèn constitúe unha industria cunha grande capacidade de crecemento e indución doutras actividade. Integrarmos estes dous polos é a garantía da súa viabilidade económica e da súa vitalidade cultural.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 3 Mar 2019.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies