Seica xa hai oposición.

Cadernos da viaxe

A última reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia permítelle aos grupos da oposición impór unha única comisión de investigación por cada lexislatura, malia estar en minoría fronte a maioría absoluta do PP. Trátase dunha única bala que cómpre usar do zeito máis acaído. E teño para mín que En Marea, BNG e PSdeG, que decidiron rexistrar este luns a solicitude de activar automáticamente unha Comisión de investigación sobre os recortes sanitarios e a deterioración no servizo público xerado das dúas resultas, acertaron no contido, na forma e no tempo.

O contido da Comisión é un acerto, porque o servizo sanitario é a cerna do Estado do Benestar. O austericidio de Núñez Feijóo ten deteriorado moi gravemente a calidade da sanidade pública galega e as condicións de traballo dun persoal sanitario que tenta manter adoito coa súa profesionalidade e traballo o servizo. Unha deterioración que atinxe tanto a asistencia primaria como a hospitalaria e que se manifestou en incidentes da gravidade do falecemento dun usuario nun PAC d’A Estrada no que non había ningún sanitario ou as restricións á dispensación de fármacos aos afectados pola hepatite C, que determinou a apertura de pescudas xudiciais por homicidios imprudentes.

O intre procesual é o axeitado. A lexislatura acadou a súa metade e a cidadanía quere albiscar que existe alternativa ao amargo cóctel de dependentismo, continuismo e recurtes do Goberno de Núñez Feijóo. Velaí por qué tamén foi acaída a presentación, nunha inédita rolda de prensa ofrecida polos tres voceiros: Luis Villares, Xaquín F. Leiceaga e Ana Pontón. Unha foto que transmite capacidade de cooperación, sensibilidade pola deterioración dos servizos públicos e sentido de País.

Claro é que a esta iniciativa haberían seguer outras varias, nomeadamente unha estratexia común para frear o despoboamento e pór en valor o territorio, afirmar a lingua, a cultura e o autogoberno e ofrecer unha política industrial e de promoción empresarial coordinada, atendendo aos abusos centralistas das peaxes da AP9 e da tarifa eléctrica que sofrimos, xusto cando Naturgy ven de lle comunicar a 106 empresas do sector do automóbil galego que non lles poderá manter os actuais acordos de prezos enerxéticos, diante da pasividade da Xunta.

Ogallá isto non fique en fume de pallas e poidamos dicir que xa hai oposición.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.