• Segue conectado
  • |

Salceda reclama solución para o servizo de Correos

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas ven de solicitar unha xuntanza co xefe da zona noroeste de Correos, Ángel Pérez, para tratar de buscar solución á situación de caos que sufre actualmente o servizo no municipio, que non cumpre nin de lonxe os parámetros establecidos no Servizo Postal Universal baseados no criterio de reparto digno á cidadanía.

 

Os recurtes que Correos estableceu no Concello de Salceda de Caselas están a motivar unha situación que dende o Grupo de Goberno consideran insostible. As baixas no persoal de reparto teñen xerado que o reparto eventual especialmente nas parroquias de Picoña, San Xurxo e Santa María sexa tardío e de mala calidade. Isto está ocasionando situacións de extrema gravidade para veciños e veciñas en temas capitais como a perda das citas médicas, cortes de luz a familias por non ter recibido en tempo e forma avisos previos, a perda dos dereitos de pensións dos emigrantes retornados, ou a perda de citacións xudiciais entre outras.

A isto temos que sumar que unha das repartidoras no casco urbán da Esfarrapada se atopa de baixa dende hai varios meses, polo que a carga de traballo se multiplica entre os catro carteiros e carteiras do resto do Concello: os veciños e veciñas da vila son polo tanto afectados/as “colaterais” desta grave situación. A vila da Esfarrapada, capital de Salceda de Caselas, carece da figura do carteiro urbano, algo incomprensible se temos en conta que na capital do Concello habitan 3800 habitantes.

Salceda de Caselas é xunto a Ames o Concello de Galicia que mais medrou en poboación nos últimos anos, pasando de unha poboación de 5000 habitantes no ano 1997 ata os 8914 da actualidade (preto dun 40%). O dinamismo social, económico e comercial de Salceda debe ser ben coñecido en Correos, propio dun Concello incardinado na Área Metropolitana mais dinámica do país: a Área Metropolitana de Vigo.

Son múltiples as queixas que se teñen recibido no Concello nestes meses, especialmente a partir de outubro e novembro, tanto na Oficina Municipal de Consumo (OMIC) como no Rexistro Xeral do Concello.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “demandamos solucións urxentes para garantir a calidade do servizo de Correos en Salceda, coa adopción de medidas de reforzo na área de reparto e de aumento de personal. O dinamismo do noso municipio e a baixa media de idade fai que o servizo de Correos sexa un servizo fundamental que debe funcionar perfectamente, polo que non podemos seguir a soportar esta situación de caos”.

Publicado o 20 Mar 2017 en Salceda.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies